O Casal de Ferreirós acollerá o programa 'A memoria do noso'
Por Redacción
A concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas (BNG), deu a coñecer este mércores os detalles do programa 'A memoria do noso', unha iniciativa que se impulsa, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, con obxectivos como "reivindicar, dar visibilidade e poñer en valor o papel que tivo a cultura, nas súas diferentes formas, á hora de manter viva a tradición e a historia do noso país, especialmente despois do estalido da Guerra Civil", tal e como indicou a edil.
A primeira das citas será este venres, 1 de abril, a partires das 19.30 horas no Casal de Ferreirós. Trátase dun faladoiro que contará coa participación de Esther F. Carrodeaugas, autora do texto da obra "Voaxa e Carmín", e do escritor, músico e autor Xurxo Souto, no que se conversará sobre a música represaliada e a memoria histórica no mundo do teatro.
Ademais, a partires do luns 4 estará a disposición da veciñanza a exposición 'Acorda, cartografía musical da Memoria Histórica de Pontevedra'. Esta mostra, que tamén se habilitará no Casal de Ferreirós, contén imaxes e información vencellada á gravación e rodaxe do documental 'Acorda', que, precisamente, será proxectado o xoves 7 de abril e será presentado por Montse Fajardo. A colección estará aberta ao público ata o luns 18.
Unha sesión de contos a cargo de Vero Rilo, baixo o título 'Re a (Mar)' porá o punto e final a esta programación, a través dun relato no que se recollen historias reais acontecidas no mes de xullo de 1936, cando comezou a Guerra Civil, e tamén fai referencia á represión e á resistencia contra o movemento franquista.
A concelleira de Memoria Histórica sinala que todas estas actividades comezarán ás 19.30 horas e serán de balde. "Para nós é importante seguir impulsando iniciativas que incidan na reivindicación da historia recente do noso país", concluíu Marga Caldas.
Relacionadas:
-
O libro disco 'Acorda', nova aposta da Deputación para que a memoria permaneza e chegue á xente nova
Por Redacción |
-
'Re(A)Mar, memorias do salitre', de Vero Rilo, no Casal de Ferreirós
Por Redacción |
-
'Natureza deconstruida', a exposición pictórica das vilas de Mardesía
Por Raquel Currás Martínez |
-
Os 'maios' e a as Letras Galegas, eventos destacados na primavera cultural de Poio
Por Redacción |
-
A literatura xaponesa protagoniza o Día da Poesía na biblioteca de Campelo
Por Redacción |