Agustina Guerrero: "Sempre recordas todo aquilo onde houbo unha emoción. Todo o demáis desaparece"
Coñecendo a Agustina Guerrero (Chacabuco, Arxentina, 1982), a pesar do éxito que alcanzou co personaxe de 'La Volátil', seguro que aínda lle custa crer onde chegou desde que abandonou o seu país natal e se asentou en Barcelona. Ía ser por un ano e leva vinte.
Desde entón, non fixo máis que plasmar as súas emocións sobre o papel. Dá voz a moitas mulleres. A súa forma de abordar, sen pudor algún, asuntos cotiáns como quedar embarazada, os problemas coas compresas ou as visitas ao xinecólogo converteuna en todo un referente.
As súas ilustracións, que se fixeron populares a través das redes sociais, deron vida xa a sete libros. O último deles, La compañera, un traballo autobiográfico no que ispe a súa alma e se mostra sen filtros. Presentouno este mércores na Librería Cronopios.
Que foi o que che levou a abrirte desta maneira?
Eu creo que me axudou moito o libro anterior que foi El viaje. Houbo un cambio na miña maneira de contar, na miña maneira de debuxar. Sinto que hai unha evolución e máis verdade, máis honestidade. Son máis crúa. Trato outro tipos de temas.
Axudoume a animarme e con La compañera continuo con esta liña. É un lugar no que me sinto moi cómoda, onde sinto que xa non teño que facer rir constantemente e onde me podo permitir mergullar máis no emocional e no poético, non sempre no remate do chiste.
Xurdiu como unha necesidade de poder sacar de dentro todas esas partes escuras. La compañera é iso, unha viaxe aos recordos e a importancia que teñen para poder definirme.
Din que a vida é o resultado das decisións que tomas e das experiencias que vives, ese foi o teu caso?
Para min, á hora de expor o libro, os recordos parecéronme unha temática súper potente porque moitas veces cuestiónome por que actúo como actúo, por que son como son.
Creo que está ligado ao que vivimos. Os recordos son nunha parte esencial do que somos. Somos o que somos grazas a eles, pensamos como pensamos por eles, amamos como amamos por eles. Todo o que vivimos.e mamamos está está presente a día de hoxe.
Entendo que este libro debeu ser un exercicio de introspección brutal para ti, non?
"Este libro foi como subirme ao Delorean, a unha máquina do tempo, e empezar a revolvelo todo"
Foi como subirme ao Delorean, a unha máquina do tempo, e empezar a revolvelo todo. De feito, á hora de empezar escribinlle á miña nai porque toda a parte da introdución onde ela me está xestando había moitos detalles que eu descoñecía. Respondeume en dez correos extensos e con todo luxo de detalles para para poñerme en situación.
Foi unha viaxe fortísima. Pero á hora de expolo non foi empezar pensando nos recordos que quería contar senón que foi ao revés. Fixen unha lista de temáticas que quería tratar e así me foi máis fácil, xa fosen os abusos, as mortes, a síndrome da impostora... E a partir delas fun lembrando.
Dis nun momento da túa historia que "sen emoción non hai recordos"...
É que á hora de empezar a investigar sobre os recordos, lembras todo aquilo onde houbo unha emoción. Polo xeral, onde a emoción é máis intensa: medo, noxo, alegría... son os que máis perduran.
Se empezas a pensar nun recordo, seguramente está ligado algunha emoción que sentises nese momento. Todo o demais desaparece. A importancia de sentir cando estás a vivir parecíame bonito remarcalo.
No teu primeiro día de vida, contas na novela gráfica, xa ías cun lapis no peito. Estabas predestinada a acabar sendo ilustradora?
Non me dei conta ata o momento de escribilo. É unha foto que a teño moi vista, pero non fora ao detalle ata a hora de escribir o libro. Aí empecei a conectar e empezáronseme a abrir portas que me fixeron ter unha narración máis intensa e máis redonda. Non sei se estaba predestinada, pero eu atopo que estes puntos son máxicos e faime ilusión crelo.
Poderiamos dicir que a túa avoa foi a persoa que máis che marcou na túa vida?
Totalmente, si. O meu libro está dedicado a ela. A importancia das avoas na vida dun marca a calquera. Ela foi un piar fundamental para min.
Se podo destacar o máis importante que me deu, foi a posibilidade de ser eu mesma. Sen xuízos e cunha mirada amorosa. Creo que ela non era consciente disto. Saíalle de maneira natural e esa comodidade que ela me daba o era todo para min.
"Onte fun a unha librería, vin o meu libro e din a volta. Non podo velo, dáme vergoña. Sinto que non merezo estar aí. É unha pantasma coa que estou a loitar"
Aos 19 anos decides vir a España, a que se debeu ese cambio?
En realidade vin por un ano ou dous. O meu pai estaba aquí. Abríuseme esa posibilidade. Foi en 2001 cando Arxentina está a pasar por unha situación económica catastrófica. E ao final quedeime. Levo aqui vinte anos, a metade da miña vida.
En La compañera, falas desa 'síndrome do impostor' que che acompaña desde que estudabas. Superáchelo?
Ségueme acompañando. Onte fun a unha librería, vin o meu libro e din a volta. Non podo velo, dáme vergoña. Sinto que non merezo estar aí. É unha pantasma coa que estou a loitar. Este é o primeiro libro que presento en Madrid e levo sete. Non porque non xurdise a oportunidade, senón porque non me animaba.
Tentei investigar o por que desta inseguridade. Creo que no libro, á hora de poñer estes oquiños en fila, reflexo como che condiciona o que che din, como cho din. Creo que todo se debe ás mensaxes que recibín ao longo da miña existencia.
Tiveches unha infancia feliz, polo menos iso se desprende do que contas no libro. A parada actual da túa vida tamén é a felicidade?
Estou nun momento moi feliz. Levo moitos anos nun estado de ser moi agradecida co que teño. Si, a miña infancia foi feliz e síntome moi afortunada.
Hai outros momentos que, segundo dis, deixáronte "rota por dentro". Como os afrontas?
Atravésoos como podo. Nos momentos difíciles adoito ser moi dramática, pero algo que aprendín é que ante unha situación que me desestabiliza, sei que funciono dese xeito, que me pode durar uns días e que logo coa distancia míroo doutro xeito.
Estou a aprender a convivir con eses días de que todo me sacode e que non se como soportalo. Loitar contra iso é esgotador. Pero xa sei que son así.
Ao ser unha historia autobiográfica, crees que o lector se poderá sentir identificado contigo?
"Animaríame dicir que o 100% das mulleres vivimos algunha situación de agresión sexual. Non creo que me equivoque"
Creo que todos pasamos por un momento de duelo, pola perda dalgún ser querido. Animaríame dicir que o 100% das mulleres vivimos algunha situación de agresión sexual. E tamén compartimos a inseguridade que sentimos á hora de enfrontar certas situacións. Pero por encima diso, a finalidade deste libro é entender a importancia de non culparnos.
A decisión creativa desa sombra que acompaña na historia á túa alter ego, que crees que achega?
Xa saía nunha páxina de El viaje e pareceume que ese dúo era moi potente e que convidaba a moito. É alguén sabio que me vai mostrando o camiño. A primeira ollada pode parecer un personaxe negativo, como a representación da ansiedade ou a tristeza. Pero non, é o lado noso que nos custa ver. Temos que animarnos a darlle a man e dicir, tamén son isto.
Cada vez sodes máis as mulleres que adquiren, merecidamente, un lugar de relevancia na ilustración española. No teu caso custouche?
Creo que a ilustración e a novela gráfica está nun momento moi doce. Cando eu empecei aínda non había Instagram e Facebook acababa de saír. Pero tiven moita sorte á hora de empezar a contar as miñas experiencias e poder compartilas co mundo.
Para min non foi difícil. Eu nin sequera fun á editorial para presentar o meu traballo, a min chamáronme eles. O máis difícil foi continuar facendo o que fago e tomar decisións sobre como o fago. Unha desas decisións foi cambiar de rumbo co personaxe.
Os meus primeiros libros eran viñetas individuais onde había un chiste, onde falaba doutras temáticas. Con El viaje rompín con iso e para min iso foi o máis difícil. De feito agora atópome tamén nunha encrucillada. Non sei se continuar co personaxe ou se me apetece facer outras cousas. Para min iso é o máis difícil. Saber por onde continuar.