"Fariña" continúa en Pontevedra a súa xira polos teatros de Galicia
Por Redacción
A obra de teatro Fariña, baseada no libro de Nacho Carretero, chega esta semana a Pontevedra con Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado e Graciela Carlos. O auditorio de Afundación acollerá a representación da obra dirixida por Tito Asorey os días 1 e 2 de abril.
Ao longo da hora e media que dura, Fariña non deixa que o espectador se acomode na butaca. Unha montaxe de gran formato que acumula máis de 200 funcións e 55.000 espectadores por toda España e que recibiu ademais o respaldo da crítica. Todo cabe sobre un escenario que recolle un percorrido fiel por este escuro capítulo da historia galega, desde un punto de vista único.
A música, o humor, a tradición e o respecto aos feitos acontecidos mestúranse nesta viaxe no tempo que incita á reflexión do espectador ao saír do teatro.
Fariña iniciou a súa viaxe no ano 2019, acadando a cifra de case 20.000 espectadores en Galicia. A irrupción da covid-19 paralizou a xira, que se retomou en Madrid en setembro do 2020, formando parte da programación das Naves del Español de Matadero Madrid e permanecendo logo en cartel do Teatro Alcázar case seis meses.
En agosto de 2021, Fariña iniciou unha nova etapa no Teatro Jovellanos de Xixón. César Goldi, Marta Lado e Graciela Carlos incorporábanse a un elenco que percorreu gran parte da xeografía española con representacións na Comunidade de Madrid, Navarra, País Vasco, Cataluña, Andalucía ou Castela e León. O pasado xaneiro, o espectáculo participou no primeiro acto do Festival de Teatro de Málaga, que celebra este ano a súa trixésimo novena edición.
Neste 2022, Fariña comezou en Santiago de Compostela unha nova xira por Galicia que percorrerá as principais vilas e cidades galegas. Vilagarcía de Arousa, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol e Cangas son as próximas paradas confirmadas. As entradas e os horarios están dispoñibles en farina.gal e na web de Ataquilla.
Fariña é unha produción de Ainé escrita por José L. Prieto sobre o texto de Nacho Carretero. Dirixida por Tito Asorey, conta coa escenografía de José Faro, ‘Coti’ e o deseño de iluminación de Laura Iturralde.
Relacionadas:
-
'Los pazos de Ulloa' rememora o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán a través do teatro
Por Raquel Currás Martínez |
-
Un espectáculo futurista e circense baseado no Camiño de Santiago chegará en novembro a Pontevedra
Por Redacción |
-
Mourelos e Coronado presentan a comedia 'El Electo' en Afundación este xoves 31
Por Anxo Lourido |
-
Volve o ciclo 'En3vistas' con Carlos Blanco entre os participantes
Por María José Pita |
-
"Fariña" suspende as oito funcións en Pontevedra, previstas para decembro
Por Alejandro Espiño |
-
Oito sesións de "Fariña", prato estrela dun Ponteatro que regresa con cinco espectáculos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recibe dobre ración de 'Fariña'
Por Redacción & Diego Torrado |