Antón Reixa: "Tocounos ser a primeira xeración de artistas galegos sen complexos"
Por Manu Otero
A banda de rock por excelencia da música galega regresa ao primeiro plano este venres na Sala Karma de Pontevedra para presentar a súa última obra: "Organización Nautilus". Un novo traballo, case trinta anos despois da estrea do seu último disco, co que Os Resentidos celebran os seus corenta anos de historia.
Un álbum do que o líder deste icónico grupo, Antón Reixa, asegura que mantén esa "actitude rabuda" dos anos oitenta con tinguiduras de rock n roll, hip- hop, rap e unha chiscadela á música latina das verbenas.
Dise pronto, pero este ano Os Resentidos cumprides corenta anos nos escenarios.
É un tempo extenso pero tamén estivemos de vacacións desde o ano 94 ata agora. Pero da música non hai forma de escapar
Organización Nautilus é o primeiro disco de estudo desde hai case 30 anos. Que foi o que vos levou a gravar material novo?
Hai grupos que pasan épocas que fan discos case por necesidade. Cando interrumpimos Os Resentidos no 94, levabamos feitos sete ou oito elepés e pensabamos que xa non había nada novo que nos poidera sorprender a nós mesmos. Agora, tantos anos despois e con músicos novos na banda, fixemos este disco.
É certo que mantemos no noso repertorio parte das cancións históricas do grupo, pero o disco novo aporta novas cousas. O resultado do disco é a fórmula do cóctel que formou Resentidos sempre: rock n roll, hip-hop, rap e tamén unha chiscadela á música latina. Nós temos unha certa querencia por esa música latina e ese ritmo das pachangas das verbenas. Todo iso está metido nese cóctel do novo disco.
Logo, recoñécese aos Resentidos neste novo disco ou é algo rompedor?
Rompedores fomos no ano 82, agora tócanos xa saber estar.
Se agora o importante é saber estar, que é o que queda do espírito deses mozos de Vigo dos anos 80?
Queda esa mesma actitude rabuda. Tamén unha parte do noso repertorio que nos deu moitas alegrías, pensa que cancións como Galicia Canibal para nós significou moito.
Dos fundadores unicamente quedamos Javier Soto e máis eu, pero temos novos músicos que dan unha potencia especial ao grupo. Ao xuntamos con músicos máis novos, penso que agora tocamos mellor. Viñamos dunha época de principios dos oitenta nos que eramos declaradamente punkies e nesa cultura o virtuosismo estaba mal visto. Estaba mal visto tocar ben!. A calquera tocara un solo no ensaio xa se lle dicía: 'eh! para aí virtuoso, onde vas!'
Este novo disco está tocado cunha precisión absoluta e con moitísimos matices. A xente terá que xulgar pero penso que somos unha banda ben empastada.
E que vai ter de especial este concerto en Pontevedra?
O que ten de especial é que é na Sala Karma. Eu teño unha admiración moi grande polas salas de música porque son ámbitos nada megalómanos, todo o contrario deses concertos en grandes pavillóns ou ao aire libre. Teñen unha respiración, unha flor especial, son mal chamados concertos de pequeno formato.
Esa admiración miña esténdese a todas as salas de música. Son heroicos por como lograron atravesar a pandemia, xa tocamos noutra sala na Coruña ou en Santiago. Esas salas teñen algo especial, é heroico que se manteñan e detrás delas hai empresarios que son apaixonados da música. É moi importante para a supervivenza da música que existan eses locais porque sempre volves a eles. Necesitámolos os artistas.
Foron unha das bandas que abriu camiño a toda unha xeración nunha Galicia que como o resto do país estaba espertando de tempos escuros. Orgullosos?
Foi unha cuestión case de oportunidade. Naquela época toda a música pop e rock que non fose en inglés era toda unha novidade no Estado español. Soubemos aproveitar ese momento. Daquela as cousas eran máis fáciles, que un grupo novo saia adiante agora é máis difícil. Hai unha contrariedade entre a versatilidade que dá a tecnoloxía dixital pero ao mesmo tempo o público é moito máis selectivo.
Nós aproveitamos ese momento e tocounos ser a primeira xeración de artistas galegos sen complexos. Sendo daquela o único grupo profesional que tocabamos en galego, hoxe hai moitísima oferta de música pop e rock en galego e iso nos reconforta e nos dá un pouco a razón histórica e sentímos que case por casualidade tocounos estar no principio dese fenómeno.
Vostedes abriron o camiño e agora sobresaen moitísimos músicos e grupos galegos como Guadi Galego, Tanxugueiras ou Ortiga. Vense reflectidos?
O que está triunfando é o talento. Hai algo que xa pasaba daquela e segue pasando, que é o sistema cultural galego. É unha mestura entre a iniciativa privada e a xestión pública de cultura. Ese sistema non dá paraugas suficiente para todo o talento que hai en Galicia.
A creatividade vai por diante e o sistema necesita internacionalizarse e non pasa nada por iso. Un territorio de dous millóns e pico de habitantes non pode alimentar a oferta de tanto talento. É importante que as bandas dean o salto fóra de Galicia.
Como se pode dar saída a todo ese talento? Que falta?
Hai emprendemento cultural e un certo empresariado moi novo con discográficas importantes en Galicia. Pero penso que debería haber máis apoio público. O goberno galego debería ser sensible a apoiar unha discriminación positiva. Se vivimos nun país pequeno a escala humana, a xente nova precisa só un empurrón para saír fóra. O resto xa lles vai no talento
Neste panorama de confrontación no que parece que vivimos constantemente, tamén no ámbito da lingua, e coa experiencia que teñen vostedes na música, como se ve a música en galego fóra de Galicia?
Valórase. Nós nunca tivemos ningún rexeitamento por expresarnos en galego e agora é evidente que non. O bo que hai agora é que esa música gaña espacio no mundo por calidade.
Póñoche un exemplo moi pequeno pero ilustrativo. Nós saiamos no periódico El País porque pensaban que en Galicia nós eramos a de Dios, parece mentira que nun sitio tan pequeno nesa esquina do mundo haxa tanta modernidade, dicían. E en Galicia pensaban que como saiamos no País debiamos ser a hostia. Ese márketing de ida e volta axudounos.
Agora a calidade de artistas como Baiuca ou Tanxugueiras, a traxectoria de artistas como Xoel ou Iván Ferreiro... Esas bandas gañan por si mesmas esa exportación.
Que consello lle daría aos artistas que tratan de abrirse camiño cantando no seu país e no su propio idioma?
Consello ningún. Os vellos non debemos dar consellos. Debemos observar e gozar da música. A mín pásame tanto na música como na poesía, síntome moi identificado coas novas propostas artísticas que hai en Galicia. Que non miren cara atrás, que non poñan o retrovisor, que poñan as luces longas e tiren cara adiante, que son mellores que ninguén.
Relacionadas:
-
Joe Crepúsculo fará bailar ao público pontevedrés o próximo 7 de maio
Por Alejandro Espiño |
-
Berto, High Paw, Ruxe Ruxe e Eladio y los seres queridos, protagonistas dos concertos do Galegote Rock
Por Raquel Currás Martínez & Diana Eiras |
-
Tres meses de concertos para celebrar os "16 menos 1" anos da Sala Karma
Por Alejandro Espiño |