A historia de "Caza ao amencer", o último cadro de Augusto Ferrer-Dalmau, contada por Pérez Reverte
Por Redacción
Unha goleta española logra romper o bloqueo naval que a flota británica impuxera a mediados do século XVIII á costa española trala batalla de Trafalgar. Chámase Alexandra e a súa aventura recréase á entrada da ría de Pontevedra. ÿ a historia que, narrada polo escritor Arturo Pérez Reverte, conta Caza ao amencer, o último cadro do pintor realista Augusto Ferrer-Dalmau, que foi presentado este luns na Escola Naval de Marín.
A presentación do cadro realizouse na institución castrense porque esta peza exhibirase no seu pañol histórico, tras ser cedida en depósito polo seu autor, que para pintala documentouse na extensa biblioteca naval de Pérez Reverte. Foi no transcurso dun acto da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio que promove a Universidade de Vigo e no que, entre outros, participou como padriño o xornalista e escritor murciano.
Pérez Reverte recordou que o 21 de outubro de 1805, no marco da terceira coalición iniciada por Inglaterra, Austria, Rusia, Nápoles e Suecia para intentar derrocar a Napoleón Bonaparte, tivo lugar a Batalla de Trafalgar. Unha dura contenda naval na que os exércitos franceses e españois, enfrontáronse á armada británica liderada polo vicealmirante Horatio Nelson quen obtivo finalmente a vitoria.
Pouco tempo despois desta batalla, na madrugada do día 2 ao 3 de novembro, a goleta Alexandra, que sirve como homenaxe a todas as embarcacións que viviron episodios similares, intentaba regresar a porto tras unha longa viaxe. Aínda que tanto o capitán coma a tripulación descoñecían o acontecido en Trafalgar, pronto se decataron da presenza de varias fragatas inglesas que poderían dificultar ou incluso impedir a súa entrada na ría de Pontevedra.
Así comeza a pequena historia inspirada no cadro de Augusto Ferrer-Dalmau. Continuando co relato, o escritor explicou como o capitán da goleta decidiu pór rumbo a terra ben entrada a noite sen contar co vento a favor. Coas primeiras luces do día, Alexandra foi rapidamente localizada polas fragatas inglesas. O capitán ordenoulle á tripulación pór rumbo cara Pontevedra a sabendas de que os ingleses non dispararían á goleta xa que viña cargada de azucre e de tabaco. Xusto ese momento de máxima tensión é o que o autor plasma na peza.
Despois de moito cavilar, Arturo Pérez Reverte descubriu recentemente outro dos enigmas desta goleta e da súa aventura para chegar a porto. Fixándose na pintura, o novelista caeu na conta de que para aumentar a súa velocidade, foi moi posible que o capitán lles ordenase aos seus homes tirar pola borda os 10 canóns que levaban na cuberta, usados na época como lastre para cadrar o peso neste tipo de embarcacións mercantís. Dúas horas despois do momento que retrata Augusto Ferrer-Dalmau, a goleta estaba de novo en territorio galego.