Doce novos artistas, entre eles La M.O.D.A., Ciudad Jara, Eskorzo ou Bala, ao SonRías Baixas 2022

Por Alejandro Espiño

© Leo López / SonRías Baixas

© Jaime Walfisch / SonRías Baixas

© SonRíasBaixas
O cartel da nova edición do festival SonRías Baixas, que retoma o seu formato habitual tras a pandemia, non para de crecer. Desta volta, son doce as bandas e artistas que se suman a un evento que encherá Bueu de música os días 4, 5 e 6 de agosto.
La M.O.D.A., Rels B, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Eskorzo ou Bala subirán ao escenario do festival, xunto con Sara Hebe, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas.
Todas elas, bandas consagradas ou emerxentes, integran un cartel no que xa estaban figuras como Kase.O, Tanxugueiras, Rayden, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo ou Balkan Paradise Orchestra.
O SonRías Baixas continuará apostando polos ritmos alegres e festivos, pero abre tamén a súa programación a sonoridades máis urbanas e actuais, propoñendo así estilos e propostas singulares que transitan entre o rap, as músicas de raíz, o pop, a mestizaxe, o rock ou o stoner.
Os concertos do SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola aposta por artistas novos con carreiras emerxentes.
Os asistentes poderán gozar do magnetismo único e pop urbano de Rels B, do son da promesa do rap arxentino Sofía Gabanna; da rapeira valenciana JazzWoman, que aborda nas súas letras temas como a denuncia social ou o empoderamento feminino; do "future latin" de Maurino; e da enerxía de Cool Nenas, sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.
O venres 5 o SonRías Baixas continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía con Kase.O, que volve a Bueu na súa xira do décimo aniversario do Jazz Magnetism; Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais a partir do rap; ou Ciudad Jara, que presentará o seu novo disco Cinema nun potente e ecléctico directo.
Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña; Bala, auténticas referentes da escena do rock/metal alternativo; Emlan, co seu novo e sorprendente show de rock, pop e espectáculo; e García Mc & Nación Quilombo, que nos proporá unha estimulante viaxe polas dez illas do seu Arquipélago Quilombo, completan a oferta para esta segunda xornada.
O festival pechará esta edición o sábado 6 de agosto coas actuacións de Tanxugueiras, o trío de pandereteiras que está a converterse auténtica revolución para a música tradicional galega; La M.O.D.A., que presentará o seu Nuevo Cancionero Burgalés; ou Arnau Griso, no que será o seu concerto de despedida ante o público galego.
O cartel complétase con Ezkorzo, unha auténtica bomba de enerxía deseñada para que o público non poida parar nin un segundo; Sara Hebe, sempre imparable e versátil, presentando novo traballo; os ventos e percusións das Balkan Paradise Orchestra; e Suu, acompañada polo seu ukelele e que é xa unha das músicas catalás máis seguidas na actualidade.
As entradas para cada un dos días deste SonRías Baixas poderán mercarse a partir deste venres 18 de marzo, ás 12:00 horas, na web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info. Teñen un prezo de 30 euros.
Ademais, aínda están á venda os abonos para os tres días de festival, a través da mesma canle, para os que haberá que desembolsar 45 euros máis gastos de xestión.
Relacionadas:
-
O Festival SonRías Baixas celebra a súa volta á normalidade
Por Redacción |
-
Volve o gran formato ao Sonrías Baixas con Tanxugueiras, Kase.O, Rayden, Jazzwoman, Cool Nenas e La M.O.D.A.
Por Redacción |
-
Delaporte completa o cartel do festival SonRías Baixas 2022
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Todos queren a Tanxugueiras: "chégannos tantas peticións que tentaremos repartir participación por toda a península"
Por Marisa Ciordia |
-
Tanxugueiras 'fichan' polo SonRías Baixas 2022
Por Redacción |
-
Kase.O, Rayden, Arnau Griso, Buhos, García Mc e Balkan Paradise Orchestra actuarán no SonRías Baixas 2022
Por Redacción |