De mañá moi cedo cheguei á cidade de Essaouira a bordo dunha furgoneta un tanto escangallada que compartira con outros pasaxeiros para percorrermos varias estradas que transcorrían por unha paisaxe reseca e sedenta, apenas rota a súa monotonía por algunha que outra aldea na que aparentemente non había ninguén ademais dunha ou dúas mulleres a colleren auga nun pozo e algún que outro home a tirar paseniño por un burro camiño de algures.
Quizais foi pola monotonía das cores do traxecto polo que dende un primeiro momento empecei a entender a razón que levou a alguén a describir Essaouira como unha acuarela de cores perfectas, pois dende o punto máis alto dunhas murallas de cor ocre rosada a cercar casas que combinan case todas as tonalidades do branco, o horizonte pérdese nun océano atlántico dun azul tan intenso que engaiola.
Ao chegar cedo fun testemuña da arribada de varios pesqueiros ao porto da cidade, acubillado no interior dunha rexa fortaleza, a Scala du Port, construída polos portugueses aló polo ano 1506 para se protexer dos continuos ataques de piratas de diversas orixes. Aínda botei un bo tempo a observar como os mariñeiros descargaban as capturas da noite e como alí mesmo procedían a intentar vendelas a berros nun árabe enleado a máis non poder pola velocidade das poxas.
Essaouira vive principalmente da pesca pero tamén dos gravados artesáns en madeira que se producen nas ducias de obradoiros que, maioritariamente, están dende tempo inmemorial no interior da Scala de la Ville, outra fortaleza que ten unhas magníficas vistas da medina.
A historia da cidade de Mogador, o antigo nome de Essaouira, lévanos até finais do século I a.C., cando un rei bérber mandou construír unha fábrica de púrpura na illa que hai en fronte da costa, con vistas a lles vender a produción aos romanos que, entre outras cousas, a utilizaban para tinguir as fitas das togas dos senadores, todo un luxo para un produto fabricado coas cunchas duns caracois mariños moi abundantes na zona.
Os portugueses asentáronse no lugar cando, ao tempo que se levantaban outros fortes defensivos en diversos lugares da costa atlántica do actual Marrocos, o rei D. Manuel I ordenou a construción dunha fortaleza coñecida como Castelo Real de Mogador que caeu en mans dos bérberes en 1510 e foi ocupada para sempre polos marroquís en 1525.
A moderna Essaouira foi fundada polo rei Mohamed III a mediados do século XVIII co obxectivo de construír un gran porto o máis preto posíbel da cidade de Marrakech, a uns cento oitenta quilómetros de distancia. Mandou chamar polo arquitecto francés Théodor Cournut, a quen tiña prisioneiro, para lle ofrecer a liberdade a cambio dos planos dunha cidade de trazado moderno que sería construída por arquitectos marroquís.
A Théodor Cournut débense as impoñentes murallas que a día de hoxe rodean Essaouira, e á iniciativa de Mohamed III o impulso económico que tomou a cidade grazas ao abastecemento de mercadorías para os milleiros de caravanas que até finais do século XIX partían do seu porto en todas as direccións da rosa dos ventos.
A través dunha serie de portas con fermosos nomes, Bab Doukkala, Bab Sebaa, Bab Labhar, accédese á medina, sempre animada por un continuo ir e vir de xente a desenvolver as actividades máis diversas. Unhas persoas portan cousas mercadas nos centos de tendas, ben na man, ben nalgún carriño polo que tiran, outros veñen do zoco do peixe ou dun dos varios mercados, algúns quizais se achegaran a rezar á Gran Mesquita de Sidi Youssef, ou a beber un té e parolar un anaco nun dos moi animados cafés da praza de Mulay el Hassan, na que á tardiña puiden gozar da música en directo de varios instrumentistas tradicionais sentado nunha terraza chea de xente. Cómpre subliñar que Essaouira é o máis importante lugar de Marrocos para a cultura Gnaua, que posúe un importante repertorio de cancións antigas e de ritmos espirituais islámicos.
Outro importante núcleo de poboación que tivo Essaouira dende o reinado de Mohamed III até o remate da Segunda Guerra Mundial foi o formado por varias comunidades xudías que, atraídas pola riqueza do porto e as posibilidades de intercambios comerciais, se foron asentando no barrio de Mellah, a día de hoxe un dos máis pobres, situado na parte norte da medina. Da súa importante presenza apenas sobreviven as dúas sinagogas de Slat Attia e Slat Lkahal e a tumba do rabino Haïm Pinto, que na actualidade segue a ser visitada por peregrinos no cemiterio xudeu.
Nada que ver as baleiras e deterioradas rúas do barrio de Mellah coa efervescencia continua da avenida Istiqlal, que ao remate de cada mañá se vai enchendo de portadores de carros a ofrecer os seus servizos de transporte até a estación a todas as persoas que viñeron para mercar algunha das cousas que se ofrecían nos mercados ou nos moitos obradoiros de artesáns.
Esta animación continua e as tan exóticas belezas dun lugar único espertaron o interese de moitos persoeiros que se achegaron a Essaouira polos motivos máis diversos. Sirvan como exemplos Frank Zappa, Jimmy Hendrix ou os membros de The Rolling Stones, que aló polos anos setenta pasaron nesta cidade longas tempadas e deixaron un halo de lenda e unha toda unha colección de historias, as máis delas inventadas.
Mais non só foron músicos os que se deixaron caer por Essaouira, senón tamén cineastas como Orson Welles, que a escolleu como escenario da súa película Othello, ou máis recentemente os produtores da serie Xogo de tronos, que converteron a Scala de la Ville e as murallas da kasbah en centros de comercio de escravos.
Antes da chegada do solpor paseei por lugares que deixaron en min unha impresión difícil de borrar, como a porta de Bab al Manjana, que daba acceso ás inmediacións do antigo palacio real, do que só fica a torre do reloxo, ou a ruinosa igrexa portuguesa da rúa Ibn Zohr, ou o palacio dun antigo Pachá convertido en museo, por mencionar só algúns, e cando por fin a caeu noite decidín achegarme de novo aos arredores do mercado para saborear con calma un delicioso prato de sardiñas con ensalada de cogombros e un mollo moi especiado, deses que tanto gustan en Marrocos.
Quizais as suxestivas cores desa salsa eran as únicas que me faltaban para acabar de comprender por que nalgún momento alguén decidiu describir Essaouira como unha acuarela atlántica.
© Xesús Constela, 2022