Retallos de mundo: Terceira: a illa malva dos impérios

Poio
20 de febrero 2022

Colonizada aló polo ano 1450, cun primeiro asentamento no que hoxe é a localidade de Quatro Ribeirasb>, famosa pola súa impoñente baía, na crise da sucesión portuguesa os seus habitantes conseguiron derrotar na batalha da Práia da Vitóriai> as tropas de Felipe II de España, acuarteladas no enorme Forte de Sb>ão João Baptistab>

Império con despensa á esquerda
Império con despensa á esquerda / Xesús Constela

Das sete illas que forman a Região Autónoma dos Açores, das que o escritor e viaxeiro João de Melo dixo que "Não há terras mais belas em todo o território português," hai unha que se coñece como a ilha malva pola abraiante cantidade de hortensias que inzan a súa paisaxe de tonalidades moradas, unha cuxa capital, a "mui nobre, leal e sempre constante" cidade de Angra do Heroísmo, foi declarada patrimonio da humanidade en 1983, unha que soubo recompoñerse logo dos tremendos danos dun terremoto sufrido en 1980, unha que sabe mesturar á perfección o negrume das rochas volcánicas co verde intenso duns prados sempre cheos de vacas, unha na que a arquitectura da paisaxe, outra vez en palabras de João de Melo, "sobe a costa até ao interior em grandes e caprichosos arcos montanhosos e nada fica a dever às alturas de montanha que (…) encantam o olhar da Europa."

Refírome á illa de Terceira, antigamente coñecida co curioso nome de Ilha de Nosso Senhor Jesus Cristo das Terceiras, que forma parte do coñecido como núcleo central do arquipélago.

Colonizada aló polo ano 1450, cun primeiro asentamento no que hoxe é a localidade de Quatro Ribeiras, famosa pola súa impoñente baía, na crise da sucesión portuguesa os seus habitantes conseguiron derrotar na batalha da Práia da Vitória as tropas de Felipe II de España, acuarteladas no enorme Forte de São João Baptista, construído no Monte Brasil de Angra do Heroísmo polas mans de presos condenados a galeras como baluarte de defensa contra piratas, corsarios e tropas inglesas de acordo coas máis modernas técnicas defensivas do momento.

As riquezas desta tan suxestiva cidade de Angra, das que dan testemuño a fermosura e a suntuosidade da súa arquitectura, proviñan do feito de que foi unha moi importante escala dos veleiros que dende o século XV até a chegada dos barcos de vapor no XIX se dirixían aos moi afastados portos do vasto imperio de Portugal.

O rectilíneo trazado urbano docasco antigo da cidade, pensado para a protexer dos case permanentes ventos mareiros, está cheo de casas de arquitectura similar á de calquera cidade do Portugal continental coa diferencia de para a súa construción se utilizou pedra escura de orixe volcánica que resalta o colorido dos azulexos que decoran as fachadas. É un verdadeiro pracer pasear devagar pola Ribeira dos Moinhos ou polas rúas do Pisão, da Garoupinha ou do Santo Espírito, ou baixar dende a catedral do Santíssimo Salvador até a Praça da Alfándega, onde se erguen os muros brancos e azulados da Igreja da Misericórdia, ou subir ao Palácio dos Capitães Generais, ou ao antigo Convento de São Francisco, agora convertido nun moi interesante museo.

Tomei Angra do Heroísmo como punto de partida para percorrer o resto da illa e debo recoñecer que en ningún momento deixou de me sorprender. São Mateus da Calheta, vila pesqueira por excelencia, é o mellor lugar onde degustar un bo prato de peixe. A Ponta do Queimado é un espectacular miradoiro con formidábeis vistas dunhas montañas que baixan abruptas até o océano. A costa da localidade de Biscoitos, onde en leitos de lava se cultivancepas de vinho vermelho e vinho de cheiro, dúas das variedades vinícolas de Terceira, está chea de grutas, entrantes e caprichosas formacións de rochas volcánicas que deron lugar a unhas espectaculares piscinas naturais.

Mais os catro lugares que pola súa espectacularidade considero de visita obrigada e que polo seu interese natural provocaron que Charles Darwin alongase a súa estadía na illa na súa viaxe camiño das Galápagos, son o Algar do Carvão, unha cova orixinada por unha erupción volcánica de hai uns tres mil douscentos anos que xerou unha cheminea agora chea de exuberante vexetación que daba acceso a un lago subterráneo desgraciadamente desaparecido tras do terremoto de 1980, as Furnas do Enxofre, vinte fumarolas que emiten vapores sulfúricos de xeito constante preto do monte dos Mistérios Negros, a Caldeira de Guilherme Moniz, os restos dun dos tres volcáns que provocaron o nacemento da illa, ou a fascinante Gruta do Natal, un tubo de lava aberto por unha erupción de data incerta que ten a incríbel lonxitude de case setecentos metros con teitos e cavidades de impresionantes alturas.

Mais debo recoñecer que o que máis chamou a miña atención na illa de Terceira foron unhas pequenas capelas de cores rechamantes, curiosamente chamadas impérios, que se levantaron cos fondos traídos polos emigrantes de Brasil e California en lugares prominentes de todas as vilas, barrios e aldeas entre finais do século XIX e comezos do XX por irmandades que tiñan como misión principal a organización dunhas singulares celebracións que se remontan aos tempos da colonización da illa na Idade Media e, se ben ao comezo tiñan unha vocación caritativa e o seu obxectivo era a convocatoria dun xantar para os pobres do lugar, a día de hoxe son un pretexto para facer grandes banquetes comunitarios en honra do Espírito Santo.

Cativado polas súas cores e amante como son das festas populares, dende un primeiro momento decidín indagar no tema e sempre dei con xente disposta a me abrir as portas de diferentes impérios para me amosar o seu austero interior, apenas un modesto altar entre paredes brancas que contrastan co colorido exterior, e para responder a toda canta pregunta quixen facer acerca das festas do Espírito Santo.

Grazas e isto puiden saber que cada império elixe pola primavera un "emperador" que logo de ser coroado por un sacerdote recebe como atributos un cetro e unha coroa, e é levado en procesión para que os veciños lle fagan ofrendas que se van distribuír entre os pobres do lugar nun monumental banquete popular no que se come alcatra à moda da Terceira, unha suculenta carne de vaca guisada en pota de barro, acompañada de biscoitos, pans de auga e fariña cocidos dúas veces, e regada con abundante viño, e que culmina coa celebración dunha tourada á corda, unha sorte de encerro con touros de raza brava da illa. É tal a cantidade de comida que se reúne grazas a estas ofrendas, produtos variados do campo, ovos, fariña e carne, ás veces mesmo un pucho ou unha vaca enteiros, que moitos impérios teñen á súa beira unha despensa para poder almacenala.

Todas estas festas e algunhas outras que se organizan por todas partes ao longo do ano fan que os terceirenses describan a súa illa como a máis festiva das Azores, e abofé que teñen moi bos motivos para dicir tal cousa.

A min, persoalmente, deixoume abraiado.

© Xesús Constela, 2022