O Salón do Libro Infantil e Xuvenil estrea cartel e convocatoria dunha residencia artística
Por María José Pita
A concelleira de Cultura Carmen Fouces presentaba este mércores o deseño final do cartel do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrará en Pontevedra do 11 ao 27 de marzo.
Neste cartel, a ilustradora Bea Gregores, quen foi seleccionada nunha convocatoria pública á que 39 artistas presentaron os seus portfolios, reflicte a través de diferentes motivos o lema desta edición 23 do Salón, que é: 'Con moita arte!'.
Carmen Fouces anunciaba así mesmo unha das grandes novidades deste ano: unha residencia artística na cidade que culminará coa creación dun gran mural nun espazo seleccionado que, nesta ocasión, será un muro nos terreos que ocupaba a fábrica de Tafisa xunto ao río Lérez. "Un lugar que está a medrar, polo que pasa moita xente e que precisa e merece ser embelecido", manifestaba a concelleira á vez que avanzaba que "o Salón vai deixar a sua pegada estética na cidade de xeito permanente, tamén con outros obradoiros que pretenden trasladar a arte e a creatividade ao exterior".
O proxecto estará tutelado polo colectivo artístico Espacio Matrioska, un grupo de creadores que iniciaron unha experiencia participativa con moito éxito no concello ourensá dos Blancos e que na actualidade teñen a súa sede na rúa da Estrada. Neste estudo, o artista seleccionado terá o seu punto de referencia durante a súa estadía, con todos os gastos cubertos entre o 7 e o 21 de marzo, ademais de recibir uns honorarios de 1.000 euros. Desenvolverá parte da obra á vez que mantén conversas no Concello para ver o xeito de enfocar o mural, que ten que vincularse con aspectos de Pontevedra.
O Salón tamén quere abrirse á cidade a través da colaboración cos centros educativos. Deste xeito, o alumnado dos dous únicos institutos de Pontevedra que contan con Bacharelato Artístico, o IES Frei Martín Sarmiento e o Xunqueira 1, participará na creación do mural e traballará ao carón do artista seleccionado.
A presentación de candidaturas está aberta ata o 25 de febreiro ás 23:00 horas. Toda a información está dispoñible a través da páxina oficial do Salón de Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: https://www.salondolibro.gal/residencia-artistica/
Relacionadas:
-
Carballos e bidueiros para poñer á mocidade en contacto coa natureza
Por Raquel Currás Martínez |
-
María Campos e Carlos Yus estrean o espectáculo musical '30 Anos cantando con Migallas'
Por Redacción |
-
Música, danza e literatura conforman "as mellores propostas para o público familiar" na programación do Salón do Libro
Por Raquel Currás Martínez |
-
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil anuncia os artistas homenaxeados
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O Salón do Libro recuperará o espírito pre pandemia, pero cun ambiente de máis tranquilidade
Por Natalia Puga |