"Amor por sexo", proposta de Malkeda no seu novo videoclip
Por Alejandro Espiño
Malkeda ten novo videoclip. Apenas dous meses despois de estrear o anterior, Al otro lado, que foi o primeiro do seu disco Un día sin ayer, a banda pontevedresa volveuse a pór diante das cámaras para promocionar outra das súas cancións. Fano co tema Amor por sexo, que soa no vídeo recentemente presentado no Local de Música de Pontevedra e que xa se pode ver a través da Internet.
Esta nova videocreación de Malkeda foi dirixida por Juanele, o baixista da banda, fotógrafo e deseñador gráfico de profesión. "Vía lonxe o de realizar un videoclip, xa que é un traballo máis coidado e laborioso do que estaba afeito a facer", explica. "Pero a idea que expuxo Malkeda gustoume, comprobamos se estaba ao meu alcance cos meus medios e coa axuda do meu socio e amigo Guille Abdicación puxémonos ao lío".
O vídeo rodouse baixo o selo de Juanele, Juan-L ACC. Contou ademais coa colaboración de Alen Aphonnic (batería), Tacones del Desprecio, Psycho Buzz, Scheherazade Mendez "Sade", Juan Carlos "Yogui", Roberto Sobrado, María Jamardo, Jose R. Corredoira, Barullo Música, Bullit Store e Eco Radio Pontevedra.
Amor por sexo é unha das cancións de Un día sin ayer, o último disco de Malkeda. Este traballo discográfico é unha aposta por un rock e unha mestura máis americana, logrando un son de excelente calidade. Nel pódese apreciar a evolución do grupo cara a un son máis coidado pero sen deixar o son característico da banda.
O próximo concerto de Malkeda será o próximo 13 de decembro na Sala La Mala (Madrid).