"O palleiro de herba", un novo documental de Vaipolorío para poñer en valor o val de Tomeza
Por Mónica Patxot
Vaipolorío presentou este xoves o segundo dos documentais que integran a triloxía Construcións vexetais efémeras no val do río Tomeza. A Casa das Campás acolleu a estrea deste traballo audiovisual realizado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Trátase de O palleiro de herba, que reflicte o proceso de elaboración deste tipo de estruturas no lugar do Marco (Tomeza).
No documental, no que participaron veciños e membros de Vaipolorío, recóllense algunhas das tarefas necesarias para a construción dos 'palleiros de herba': o afiado da gadaña e das fouces, a sega da herba e a construción da palleira, onde se ten moito coidado á hora de crear a base, de colocar o pau que actúa de soporte e de apilar e peitear a herba.
Con esta serie audiovisual Vaipolorío busca pór en valor a paisaxe dos vales e dos ríos de Tomeza, "un dos sinais da nosa identidade, un valor inmaterial que cotiza á alza e garante futuro". Destaca este colectivo ecoloxista que "quen vive nel sabe ben o que se perde cando se converte noutra cousa ben diferente á tradición ancestral e secular".