O 'ciclón Sés' regresa a Pontevedra para presentar o seu segundo disco, "Co xenio destrozado"
Por Alejandro Espiño
Foi unha das grandes sensacións da décima edición de Cantos na Maré e, posteriormente, regresou a Pontevedra nun par de ocasións máis. Sempre con gran éxito. Agora, o 'ciclón Sés' volve á cidade do Lérez. Faio para presentar o seu segundo disco, Co xenio destrozado, editado o pasado mes de xuño. Será cun concerto que se celebrará no Teatro Principal o sábado 9 de novembro, ás 21.00 horas.
Tras o seu primeiro traballo, Admirando a condición (2011), María Xosé Silvar, coñecida como Sés, presenta agora Co xenio destrozado, un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar en doce cancións viscerais e apaixonadas a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.
Gravado nos estudos Bruar, da Coruña, e producido pola propia Sés e Xavier Ferreiro, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).
Se algo podemos destacar de Sés é o seu enorme carisma e forza persoal, xa dabondo mostrada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galicia, percorrendo diferentes escenarios, cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamiento do establecido.
Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 creou xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Logo de colaborar con grupos como Zenzar ou Xabier Díaz, publicou en 2011 o seu primeiro disco, un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.
As entradas para o concerto de Sés, que teñen un prezo de 10 euros, pódense adquirir en www.servinova.com e no teléfono 902 504 500. Tamén haberá entradas no despacho de billetes do Teatro Principal desde dúas horas antes do inicio da actuación.
Relacionadas:
-
A Ferrería vibra con Sés nun concerto por "todos os que seguen loitando polos nosos dereitos"
Por Natalia Puga |
-
Sés presenta no auditorio de Vilagarcía o seu segundo disco, 'Co xenio destrozado'
Por Redacción |
-
Sés: "Fago música en galego, porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo"
Por Alejandro Espiño |