"Brincadeiras da lingua" volve para promover os refráns entre os máis pequenos
O xoves 3 de febreiro presentouse a segunda serie de vídeos de "Brincadeiras da lingua" coa finalidade de fomentar entre o alumnado o uso dos ditos galegos tradicionais, así como a transmisión familiar da lingua.
A serie consta de 15 novos capítulos onde se amosan refráns sobre animais, o tempo cronolóxico e meteorolóxico, accións cotiás, burlas, xogos, entre outros ditos diversos para cada tipo de situación. Ademais, todas as frases están recollidas na páxina orellapendella.gal.
Os capítulos publicaranse semanalmente cada xoves no Portal da Lingua Galega e nas redes sociais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, como Youtube, Facebook e Twitter. Durante a espera, tamén se poden ver os 10 episodios da primeira tempada na mesma canle.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez amosou a súa satisfacción con María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro e coa axuda do Fondo Xacobeo 2021-2022 co motivo de achegar esta proposta para os máis pequenos.
Do mesmo xeito, esta compañía de teatro levou a cabo un espectáculo familiar, oral e musical baixo o mesmo nome "Brincadeiras da lingua", unha maneira amena e divertida de difundir o material que se ofrece nos vídeos.