Desde que abrimos os ollos e apagamos un espertador ata que nos deitamos e programámolo as matemáticas acompáñannos practicamente todo o tempo. Con todo é frecuente que haxa unha predisposición a non gustar ou a un bloqueo emocional cara á súa aprendizaxe. "É algo moi real e que vexo frecuentemente nas aulas. Ademais está moi de actualidade porque a próxima lei de educación que se está preparando inclúe entre os seus contidos unha referencia á xestión emocional das matemáticas".
Esa frase é do protagonista do podcast 'Cara a cara', Paulo González Ogando, profesor de Matemáticas no IES Johan Carballeira de Bueu e autor do recente libro 'Bocados matemáticos'. Con el pretende "mostrar aspectos que nas aulas quedan fóra, tócanse de forma puntual, aplicacións que en aulas poden non ter sentido abordar pero que si son interesantes... facer que a xente vexa as matemáticas con outra mirada, que perda os medos e bloqueos e déanlles outra oportunidade".
Desde saber analizar ben unhas ofertas ou promocións, facer compras seguras pola internet, saber como funciona un gps, descubrir que a letra que acompaña cada documento nacional de identidade non é aleatoria, ou que ata o balón de fútbol é unha cuestión matemática, son 'bocados' que trae o traballo editorial do que falamos esta vez en PontevedraViva Radio.
Outro engadido da publicación feita con Editorial Xerais é que está escrito en galego. Paulo González lamenta que se exclúa a lingua galega de materias como as Matemáticas, a Física e a Química. "Dá a sensación de estar a convencer que a ciencia é importante pero vai a aparellada ao castelán. O idioma vehicular da ciencia internacional é o inglés, o castelán non ten vantaxe sobre o galego; así que se podemos facer matemáticas en galego, hagámoslas", argumenta.