Chega o Culturgal 2013 coa vista posta en micropatrocinadores ante a redución do orzamento
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro, o Pazo da Cultura acollerá unha nova edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia. Nesta ocasión, a Xunta de Galicia reduciu a súa axuda nun 55% respecto á Feira de 2012. Desta forma o orzamento que se situaba en 250.000 euros vese reducido a 130.000 euros para este ano.
Por este motivo, o Culturgal formula unha nova fórmula a través da entrada corresponsable. A Feira continúa sendo gratuíta pero haberá unha opción para pagar unha entrada voluntaria co obxectivo de buscar micropatrocinadores. "A Feira non deixa de ser un reflexo do que acontece non día a día", afirmou Víctor López, representante da xunta directiva do Culturgal.
Os cinco espazos desta edición céntranse en libros, propostas infantís, profesionais, tecnolóxicas e haberá como gran novidade un espazo dedicado ao cine no que, entre outras actividades, se proxectará un maratón de webseries galegas. Ademais, para evitar interferencias sonoras entre os distintos eventos que se desenvolven no Pazo da Cultura, instalarase unha carpa no exterior para espectáculos musicais.
Ao longo dos tres días de duración da Feira desenvolveranse 125 actividades entre as que destacan a presentación de 'Galiza', último disco de Kepa Junquera; conversacións entre xornalistas e autores como Francisco Castro, Rosa Aneiros, Riveiro Coello, Pedro Feijoo ou Diego Ameixeiras, ademais de diferentes espectáculos teatrais e musicais, segundo expuxo o coordinador desta edición, Xosé Manuel Aldea. As instalacións contarán coa presenza de 70 stands.
Este ano tamén se instaura o Premio do Público Culturgal para propostas novidosas. As tres candidaturas que optan a este premio son a Asociación puntoGAL, o Festival de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Ata o 15 de novembro pódese votar a través da web de Culturgal.
A organización calcula que, na última edición, máis de 10.000 visitantes se achegaron ata as instalacións do Pazo da Cultura.
Relacionadas:
-
Pontevedra presumirá de vida no Culturgal
Por Redacción |
-
Concerto cos timbres e buguinas de 111 bicicletas
Por Redacción |
-
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra gaña o Premio do Público Culturgal 2013
Por Redacción |
-
Remata o prazo para votar polo Salón do Libro no Premio do Público Culturgal
Por Redacción |
-
Libros e música acaparan case a metade das 157 propostas para participar en Culturgal 2013
Por Redacción |
-
Culturgal pecha a porta: "Ver tanta xente dános ánimos para seguir neste oficio"
Por Redacción |