As películas finalistas aos Premios Mestre Mateo proxectaranse en Poio e Cambados
Por Redacción
Cinco concellos da provincia, entre eles Poio e Cambados, acollerán as proxeccións das películas que opten este ano a gañar os Premios Mestre Mateo 2022, dentro dun ciclo impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual.
"Queremos que o cinema e a cultura galega cheguen ao conxunto do territorio e garantir unha presenza global do audiovisual feito en Galicia, na nosa terra", destacou a presidenta Carmela Silva na presentación deste ciclo que se estenderá entre os meses de marzo e decembro. Os filmes exhibiranse en centros culturais e espazos multiusos de cada municipio.
Silva celebrou que este ciclo permita que o audiovisual feito en Galicia "poida chegar ao conxunto da cidadanía" ao entender que esta iniciativa "democratiza" o acceso á cultura.
Fernando Alfonsín, en nome da Academia Galega do Audiovisual, agradeceu o apoio da institución provincial e a súa colaboración para "abrir os Premios Mestre Mateo ao público e darlle vida levándoos por todo o territorio galego".
En cada concello proxectaranse oito películas, as catro gañadoras e outras catro finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022. A estrea será o 26 de marzo e exhibirase unha cinta por mes en cada concello, agás en xullo e agosto.
O título das cintas a proxectar non se coñece porque as candidatas aos premios fanse públicas na primeira semana de febreiro e non se entregan os galardóns ata mediados de marzo.
Será entón cando se concrete o calendario e a rotación dos filmes polos cinco concellos da provincia de Pontevedra e os outros quince correspondentes ás de Lugo, Ourense e A Coruña.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, valorou particularmente a participación do seu concello nun proxecto que "pon en valor a nosa identidade e forma de ser", mentres que concelleiro de Cultura de Cambados, Constantino Cordal, incidiu na importancia de promocionar a provincia como plató de cinema e agradeceu o respaldo da Deputación ao audiovisual e á cultura galega.