A Xunta ofrece oito actuacións escénicas en Pontevedra neste semestre
Por Redacción
A Xunta ofrece oito actuacións escénicas na cidade de Pontevedra neste semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), nas que haberá novo circo, danza, música e teatro.
A programación deste circuíto cultural, organizada en colaboración co Concello, arranca este venres día 28 no Pazo da Cultura ás 20.30 horas co espectáculo de novo circo Drop, de Pistacatro Productora de Soños.
Drop é unha metáfora que compara os malabares coa vida. Na montaxe, catro malabaristas e un pianista convidan a vivir no mundo dos soños, no que aparecen patróns, coreografías de obxectos e debuxos no aire que representan os problemas e tarefas do día a día. A idea e dirección da peza é de Pablo Reboleiro, con Diego Anido como axudante de dramaturxia e traballo en escena. Aitor Garuz, Santiago Montero, Guillermo Porta, Pablo Reboleiro e Nacho Muñoz conforman o elenco. Este último é tamén o responsable da composición musical.
A seguinte función terá lugar o 19 de febreiro con Janet Novás e o seu espectáculo de danza Mercedes mais eu, resultado da colaboración entre esta artista e a compositora Mercedes Peón na exploración das relacións existentes entre os seus traballos de danza e de música.
Un mes despois, o 19 e 20 de marzo, chegan dúas propostas musicais para público familiar da man de Uxía Lambona e a Banda Molona e de Mamá Cabra, así como o día 27, con Pesdelán.
En abril o protagonista será o teatro, coa representación de Othello de Voadora o sábado 2.
O cartel deste primeiro semestre péchase o 28 de maio co espectáculo E-migrantas de Kirenia Danza, espectáculo en coprodución co Centro Coreográfico Galego.