Doce mil persoas converten a exposición "Origami, de papel a obra de arte" na máis vista do Museo en 2021
Por Redacción
A exposición "Origami, de papel a obra de arte", dirixida ao público familiar, foi visitada por 11.977 persoas, entre o 4 de novembro e o 23 de xaneiro, a cifra máis alta de todas as mostras do Museo de Pontevedra no ano 2021 e tamén das máis altas dos anos anteriores á pandemia.
A colección chegada da Escola Museo de Origami de Zaragoza recibiu 4.177 visitantes en novembro, outras 4.325 en decembro e 3.475 en xaneiro.
Ademais, tamén tiveron unha grande acollida os obradoiros de papiroflexia, que ante o aluvión de solicitudes tiveron que ser duplicados con respecto aos organizados de inicio, e que finalmente chegaron a 310 persoas.
Outro cheo rexistraron as visitas guiadas que se realizaron todos os xoves.
A exposición fixo un percorrido pola historia do pregado do papel a través da obra orixinal dalgúns das mellores persoas creadoras a nivel mundial.
As pezas seleccionadas eran auténticas esculturas cheas de complexidade e expresividade, que provocaron o asombro das persoas que as contemplaron ao teren en conta que foron realizadas cun só papel, sen ningún tipo de cortes e unións e sen adhesivos.
Na sala puideron contemplarse 150 modelos feitos por 50 autoras e autores de 17 países diferentes que amosan distintas técnicas para crear dende obras moi sinxelas a verdadeiras obras de arte e enxeños de papel de carácter hiperrealista, escultórico ou xeométrico.
CASTELAO EN EUROPA. A VIAXE DE 1921
O Museo tamén salienta a boa acollida de "Castelao en Europa. A viaxe de 1921" comisariada por Ángeles Tilve, organizada co fin de poñer en valor aínda máis a figura do artista e conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios, fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña.
A exposición, que durou un mes menos que a anterior, dende o 2 de decembro ao 23 de xaneiro, sumou 4.400 persoas, repartidas entre as 2.385 de decembro e as 2015 de xaneiro.
Relacionadas:
-
Organizan unha visita guiada á Sala Castelao polo 136 aniversario do seu nacemento
Por Redacción |
-
Visitas guiadas pola exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’, a partir do 8 de xaneiro
Por Redacción |
-
O Museo pechará 2021 con máis de 126.000 visitantes
Por Redacción |
-
'Origami, de papel a obra de arte' expón pezas de creadores de referencia internacional
Por Mónica Patxot & María José Pita |