Retallos de mundo: Templos hinduístas da illa de Bali

Poio
23 de enero 2022

Indonesia ten a meirande poboación musulmá do mundo, pero a illa de Bali é unha excepción porque alí é maioritario o hinduísmo, chegado dende a India a través da veciña Xava, aínda que cómpre subliñar que as crenzas balinesas teñen a peculiaridade de ser unha mestura de hinduísmo, animismo e tradicións moi antigas cunha estrutura moi estrita de ritos que fai que os balineses dediquen unha boa parte do día a facer ofrendas, as máis das veces en lugares completamente inesperados

Pura Tanah Lot
Pura Tanah Lot /

Indonesia ten a meirande poboación musulmá do mundo, pero a illa de Bali é unha excepción porque alí é maioritario o hinduísmo, chegado dende a India a través da veciña Xava, aínda que cómpre subliñar que as crenzas balinesas teñen a peculiaridade de ser unha mestura de hinduísmo, animismo e tradicións moi antigas cunha estrutura moi estrita de ritos que fai que os balineses dediquen unha boa parte do día a facer ofrendas, as máis das veces en lugares completamente inesperados.

Ao ter o hinduísmo balinés un fondo carácter animista os seus seguidores, nada máis e nada menos que o 90% da poboación da illa, cren que todos os obxectos, tanto os de uso cotián como os reservados para ocasións especiais, así como calquera elemento do mundo natural, montañas, ríos, o ceo, a terra, rochas, plantas, animais… están dotados de alma e por iso deben ser venerados.

Outra das grandes diferenzas entre o hinduísmo balinés e o da India reside na representación das divindades, porque en Bali son practicamente inexistentes os templos con altares dedicados á súa adoración. Igual que na India, tamén se venera, non podía ser doutro xeito, a trindade formada por Brahma, Shiva e Visnú, o coñecemento, a morte e a vida, pero apenas hai imaxes dedicadas a eles, e tamén en moi extraordinarias ocasións se poden atopar representacións de Ganesha, o deus da sabedoría con cabeza de elefante, ou de Garudá, o paxaro mítico de grandes ás e peteiro dentado, porque os balineses prefiren facer ofrendas ou rezar diante dunha árbore, un tronco seco, unha fonte ou un bosque enteiro e, xusto por iso, ao longo da historia ergueron os seus lugares de adoración en medio de paisaxes que abraian.

En lingua balinesa a palabra para dicir templo é pura, que describe un espazo rodeado por un valado e orientado en función dos espíritos aos que está dedicado, e en todas as vilas, ademais dos moitos altares que hai en cada casa e en cada rúa, existen como mínimo tres templos para uso público: o pura puseh, dedicado aos fundadores, o pura desa, onde se veneran os espíritos que protexen a vida dos vilegos, e o pura dalem, normalmente levantado á beira do cemiterio para honrar os mortos. Pero hai unha serie de santuarios espallados ao longo da illa que pola súa importancia están considerados propiedade común de todos os seus habitantes e en datas determinadas son puntos de atracción de peregrinacións multitudinarias.

En Bali resultoume completamente imposíbel escapar deste fenómeno relixioso que veño de describir porque dende o preciso momento en que abandonei o aeroporto de Denpasar, a súa capital, a vista empezou a enchérseme de árbores vestidas con teas de cadros, de estatuas cubertas con túnicas amarelas, brancas ou vermellas e de persoas que transportaban cestos de diversos tamaños cheos de ofrendas. A relixión asolagaba todo canto vía e estaba presente nas rotondas e nas medianas das estradas, nas tendas, nos restaurantes, nos xardíns, nas institucións e en todas e cada unha das rúas.

Todas as cousas que se poida considerar que van resultar agradábeis para as divindades, flores, froita, arroz fervido, billetes, moedas, son susceptíbeis de se converter en ofrendas, e os cestos onde se transportan, dende algúns pequeniños como un puño até outros enormes para usar nas cerimonias de cremación, están á venda por todos os recunchos da illa nos mesmos lugares onde se poden mercar varas de incenso, imprescindíbeis, ou teas coas que vestir árbores, pedras ou estatuas. A calquera hora do día a illa é unha trasfega incesante de persoas soas ou en grupo a facer ofrendas que poden colocar en calquera lugar, pero hai unha regra que sempre debe cumprirse: as que estean dedicadas a acougar espíritos malos deben poñerse no chan a xeito de protección ou non funcionarán.

O primeiro templo comunitario que visitei foi o de Tanah Lot, un dos máis importantes e venerados da illa e dedicado ao deus do mar. Foi construído no século XVI por iniciativa de Dang Hyang Nivartha, un sacerdote que percorría a illa a pé e estaba tan canso que quedou durmido xunto a unha rocha da praia. Cando uns pescadores locais se achegaron a el pediulles que construísen un templo alí mesmo porque aseguraba que había serpes velenosas que protexían o lugar da invasión de espíritos malos e outros intrusos perversos. O templo é unha fermosura arquitectónica á que se pode acceder ou non dependendo das mareas.

Ulun Danu Bratan, envolto case permanentemente nunha bruma protexida polas montañas que o rodean, desbordantes de vexetación, data do ano 1663 e foi construído en honra da deusa da auga na beira mesma do lago Bratán, que rega os moitos arrozais da contorna. Neste templo fun quen de asistir a unha celebración para pedir protección para os cultivos na que participaban milleiros de persoas aviadas coas súas mellores galas conducida por un sacerdote que entoaba mantras interminábeis acompañado por unha orquestra de gamelán, a música tradicional balinesa tocada con gongs, xilófonos, frautas de bambú e varios instrumentos de corda que non souben recoñecer. Malia un orballo incesante que regaba o mundo, sentinme moi privilexiado de poder estar alí naquel momento.

Goa Lawah, construído no século XI no interior dunha cova coas paredes e o teito ateigados de morcegos, é o templo máis antigo de Bali e está asociado coa morte, porque de acordo coa lenda é un refuxio da sagrada Basuki, a serpe xigante que procede do inframundo.

Luhur Uluwatu, no cumio dun cantil de 70 metros de altura habitado por centos de monos no punto máis ao sur da illa para ver de protexela dos espíritos malignos que puidesen chegar dende o mar, foi fundado por un sabio de Xava que “se liberou das ataduras do karma”, un dos obxectivos do hinduísmo, nese preciso lugar e ten como principal característica que cada día, cando chega o solpor, un coro de homes caracterizados como exército de monos e un grupo de bailarinas que bailan mesmo cos ollos, desenvolven a danza kechak, que conta unha curiosa historia extraída do Ramayana.

Goa Gajah, un templo do século XI, aínda que se atoparon reliquias datadas no VIII, ao que se entra a través da boca aberta dun elefante, ten no seu interior unha escultura moi basta do deus Ganesha e tres pedras negras que disque representan a trindade do hinduísmo. É lugar de meditación e está rodeado de fermosísimos xardíns con dous estanques naturais cheos de peixes.

Gunung Kawi, que está no fondo dun val e posúe unhas estruturas enormes (candi) escavadas na montaña, en realidade son dous templos: un levantado nas ribeiras do río Pekarisang para o descanso espiritual dos antigos reis de Bali e outro para honrar os deuses dos arrozais circundantes.

Salem Agung Pedangtegal, do século XIII, é un templo dedicado a Shiva que, ao estar dentro da reserva natural de Monkey Forest, está sempre cheo de macacos que deambulan ao seu antollo. A idea orixinal desta singularidade é a procura dunha relación harmoniosa entre humanos, animais e plantas co deus supremo.

Mais debo recoñecer que o templo que máis me apaixonou foi o de Tirta Empul, porque posúe uns fermosísimos estanques de pedra para facer baños e outros rituais de purificación.

Construído entre os séculos X e XI sobre as fontes onde nace o río Pekarisang, está dividido en tres seccións: a entrada, a máis impura, relacionada coa parte do corpo que está debaixo da cintura, a media, que se relaciona co tronco, e a sagrada, que corresponde á cabeza. A esta última só se pode acceder para ofrendas e cerimonias, polo que non puiden entrar, pero abofé que si utilicei as dúas primeiras. Nada mellor que compartir coa xente que alí había ese delicioso momento de se deixar refrescar por unha auga bastante fría que abrollaba sen cesar baixo unha calor sufocante.

Adoro Bali e a inmensa amabilidade dos seus habitantes. Deixáronme completamente abraiado co continuo ir e vir de ofrendas en todo momento e en todos os lugares. Nunca visitara ningún lugar tan cheo de crenzas, lendas e supersticións tan vivas e tan fondamente arraigadas, tan capaces de me engaiolar dende o meu primeiro contacto.

© Xesús Constela, 2022