Llerena Perozo Porteiro presenta 'Pérez. Historia dun triunfo' en Paz
Por Redacción
A escritora Llerena Perozo Porteiro presentará o vindeiro xoves 13 en Libraría Paz a partir das 19.30 horas o seu libro 'Pérez. Historia dun triunfo', acompañada pola escritora Eva Mejuto e pola militante feminista e lectora Miriam Viñas.
O libro, publicado por Editorial Galaxia, utiliza o sentido do humor e a empatía para introducir unha historia de vidas entrecruzadas, na que os protagonistas son unha muller sometida; un marido machista e con éxito social; unha nai rebelde; dúas mulleres migrantess vítimas da explotación sexual; outras dúas mulleres procedentes do rural; e unha moza urbana que conta con ferramentas para iniciar unha revolución mundial.
A través da novela 'Pérez. Historia dun triunfo' descóbrense as fórmulas para lograr o triunfo nunha sociedade patriarcal utilizando elementos relacionados coa xustiza poética, a rebelión e a esperanza.
Llerena Perozo Porteiro, natural de Vigo, realizou outros traballos relacionados co xénero e o medio ambiente como 'Sementamos Igualdade. Manual práctico e bos usos' e dirixiu empresas dedicadas á comunicación cultural. Colabora con organizacións feministas ofrecendo conferencias sobre violencia de xénero, ecofeminismo e comunicación.
O aforo é limitado e pódese realizar reserva a través do correo librariapaz@gmail.com.