Expertos dos principais museos do país analizarán en Pontevedra a manipulación e traslado de bens culturais
Por Redacción
Expertos dos principais Museos de España daranse cita do 13 ao 15 de novembro en Pontevedra para analizar e debater sobre a manipulación e traslado de bens culturais, no III Congreso de Conservación e Restauración que organiza o Museo de Pontevedra e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
O congreso celebrarase no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e os interesados en participar poderán inscribirse ata o 11 de novembro na secretaría do Museo, onde ata o día de hoxe xa se levan inscrito 128 persoas. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa a deputada Ana Isabel Vázquez e o director do Museo, Carlos Valle.
Ana Isabel Vázquez subliñou na necesidade de organizar encontros coma estes como modo de contribuír ao mellor "mantemento e conservación da nosa cultura e do noso patrimonio", dado que ata o de agora non existe en Galicia ningún congreso centrado na restauración de bens culturais e o que organiza a Deputación e a Escola de Restauración non só é único nesta comunidade senón tamén un dos poucos que se organiza en toda España.
Así, para chegar ao maior número de persoas interesadas posible, as xornadas tamén se transmitirán a través da rede, por streaming.
A temática elixida nesta ocasión obedece á necesidade de afondar nos coñecementos sobre os mellores procedementos para o traslado e a manipulación de bens culturais nun momento no que é moi frecuente a mobilidade destes elementos tanto para a organización de exposicións itinerantes e temporais, como polo proceso de remodelación que se está a realizar en moitos museos.
Carlos Valle explicou que as xornadas contarán coa participación de expertos de primeiro nivel, procedentes de centros da categoría do Guggenheim de Bilbao; o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo do Prado, o Centro Nacional de Arte Reina Sofía ou o Museo Nacional de Arte de Cataluña.
O Congreso estruturase en tres bloques, de forma que no primeiro deles, o día 13 de novembro, se abordará a manipulación e conservación dos bens culturais e a mobilidade dentro do propio museo, analizando un caso práctico como é o da remodelación do Museo Arqueolóxico Nacional e a xestión que durante esta remodelación se fixo das coleccións, sobre o que versará a intervención de Teresa Gómez Espinosa, do citado Museo Arqueolóxico.
No segundo dos días falarase da itinerancia internacional e da xestión dos préstamos de obras de arte, utilizando como exemplo práctico neste caso a montaxe da exposición Pompeya, catástrofe baixo o volcán, da que falará o seu máximo responsable, Jordi Segura, da empresa Artpercent.
Por último, o día 15 será o Museo de Pontevedra o protagonista, coa intervención do director do centro, Carlos Valle, que disertará sobre os criterios que se seguiron para a musealización do sexto edificio e do Sarmiento; e dos responsables da empresa encargada de facer efectiva esa distribución das coleccións, que explicarán o procedemento seguido para levar á práctica esa musealización.