Contra a desinformación, DOCBUEU
Por Alejandro Espiño
DOCBUEU, o mundo que vostede non ve. Con esta proposta preséntase este ciclo de documentais co que se pretende combater a desinformación. Segundo os seus organizadores, DOCBUEU busca revelar o que os grandes medios non amosan. Globalización, sociedade, memoria histórica, conflitos internacionais ou cambio climático son algúns dos temas nos que se centrarán os visionados.
O ciclo ponse en marcha para denunciar que se estima que sete empresas controlan aproximadamente o 70% dos medios de comunicación, "a fin de salvagardar os intereses económicos dunha elite mediante a imposición dun xeito de pensar e de vivir", expoñen os organizadores no seu cartaz. "As noticias que porían en perigo eses intereses agóchanse ou terxivérsanse, de aí que a opinión pública careza de información sobre moitas cuestións clave, coa conseguinte repercusión na calidade da democracia".
Un premiado filme sobre o conflito palestino-israelí, dirixido por Abdallah Omeish e Sufyan Omeish, dará comezo ao ciclo. Trátase de Ocupación 101, voces da silenciada maioría, que analiza as causas do enfrontamento e desmonta moitos dos mitos asumidos. Destacados expertos expoñen os feitos a miúdo ocultados. Á vez, amósase a vida baixo o control militar israelí, o papel dos Estados Unidos e os principais obstáculos que dificultan unha paz duradeira.
Durante os próximos meses, cada venres, o Centro Social do Mar (Bueu) acollerá as proxeccións, a partir das 22:00 horas e con entrada de balde. A actividade está organizada pola produtora Melodía Visual, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e do Concello de Bueu, que cede as instalacións.
A programación do DOCBUEU continuará cos títulos A guerra contra a democracia, Bloqueo, a guerra contra Cuba, Un cru espertar e Operación Garzón. Toda a información sobre a actividade está dispoñible en www.facebook.com/DocBueu.