Prolóngase a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía' ata o 27 de decembro
Por Redacción
O vento e as fortes choivas rexistradas durante o martes 7 causaron danos na estrutura da exposición itinerante 'A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía', situada no paseo de Montero Ríos. Por este motivo, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Rosalía acordaban nas últimas horas prolongar a mostra ata o 27 de decembro.
Os paneis reinstalaranse o venres 17 de decembro, despois de que se decidira retiralos debido aos fortes refachos do vento que, ademais de danalos, tamén podían golpear os viandantes que se achegasen por esta zona. Durante estes días, a empresa responsable da montaxe avalía os danos na Coruña para estudar a súa reparación.
Volverá a instalarse no mesmo espazo e ampliarase unha semana a súa presenza para que o público poida apreciar detalles sobre a Casa-Museo que se abría ao público o 15 de xullo de 1971, grazas ao apoio de persoas e entidades tanto de Galicia como emigrantes.
A Fundación negociou co Concello de Santiago, municipio onde estaba previsto que se trasladase a exposición cando finalizase a súa presenza en Pontevedra, un aprazamento da súa presentación na capital de Galicia.
A mostra foi presentada na cidade do Lérez despois da negociación de María Ortega, deputada de Lingua, coa Fundación Rosalía. Pepe Barro exerce de comisario desta iniciativa, que fai un repaso pola vida da poeta e novelista galega durante o período en que residiu, en réxime de alugueiro, coa súa familia na coñecida como Casa da Matanza.