Fusión de moda, música, danza e patrimonio nas Ruínas de San Domingos
Por Redacción
As Ruínas de San Domingos será o escenario do espectáculo multidisciplinar Costuras de Alecrín. By Rías Baixas, que conxugará moda, música e danza. Será este venres 10 de decembro, a partir das oito da tarde. Está aberto a todos os públicos de xeito gratuíto.
É un evento co que a Deputación de Pontevedra busca reivindicar o talento artístico dos novos creadores e creadoras emerxentes galegos e nacionais e que terá como fío condutor a posta en valor do patrimonio inmaterial.
O espectáculo inclúe unha pasarela de moda para amosar a selección de traxes de inspiración histórica da man da deseñadora artesá galega Reme Espantoso e os deseños contemporáneos do cordobés José Perea, coñecido polo seu triunfo en Maestros de la Costura Argentina 2020 e gañador do Premio Joven Diseñador Nacional 2018 e Diseñador Novel Andalucía 2017.
O evento estará conducido pola actriz e presentadora Diana Nogueira e amenizado pola música de Rosa Cedrón e Christian Silva e a danza do coreógrafo e fundador da compañía Entrecaixas, Iván Villar e a directora da compañía Erixe e bailarina Estefanía Gómez.
Os estilismos das modelos estarán a cargo de Óscar Novo.
As persoas interesadas poden inscribirse para asistir ao evento a través do enderezo electrónico da Deputación (participa.cultura@depo.es) facilitando o seu nome completo e un teléfono. Cada asistente poderá facerse cun máximo de catro entradas.