O Museo xa presume de Castelao co seu nome na fachada

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Desde este xoves o anteriormente coñecido como Sexto Edificio do Museo xa ten, oficialmente, unha nova denominación. A entidade corrixe o que os seus responsables consideraban unha "inxustiza histórica". Castelao dá nome xa á súa sede central.
Nun acto que se celebrou ás portas do edificio da rúa Pai Amoedo, o Museo descubriu o rótulo da fachada que identifica a este inmoble como "Edificio Castelao", o máis grande e relevante dos que posúe a institución museística na cidade de Pontevedra.
Tanto Carmela Silva como César Mosquera, presidenta e vicepresidenta da Deputación, destacaron que deste xeito "dáselle a Castelao a relevancia que merece".
"Hoxe estamos a vivir un día histórico", afirmou Silva, para a que "é de xustiza, un acto de memoria e de lóxica" que este edificio leve o nome de Castelao "porque non poderiamos entender o Museo sen a súa obra ao igual que tampouco a Castelao sen este Museo".
Mosquera, pola súa banda, sinalou, nunha intervención moi reivindicativa, que podía ter sido entendible que durante o franquismo non se recoñecera o papel "merecido" de Castelao, mais subliñou que "agardar ata 2021 para darlle o seu nome a un inmoble do Museo foi un erro que quitou potencia tanto ao Museo como á figura do propio Castelao".
"Esta nova simbiose entre Pontevedra-Castelao-Museo é beneficiosa e aumentará a proxección de todas as partes", abondou, criticando antigas resistencias, titubeos e voltas dende a inauguración do inmoble en 2013 á hora de poñer en valor unha figura tan singular.
EXPOSICIÓN CASTELAO EN EUROPA
Este acto coincidiu coa entrega simbólica a reedición do Álbum Nós feita pola editorial Galaxia e coa inauguración da exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921.
A súa comisaria, Ángeles Tilve, explicou que a mostra xorde para conmemorar o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios, fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña.
Poderase contemplar ata o 23 de xaneiro de 2022.
A exposición estrutúrase en tres grandes bloques, un por cada unha das etapas do percorrido seguindo o desenvolvemento do diario de viaxe do autor, un extraordinario caderno manuscrito ilustrado, cuxo orixinal se conserva no Museo.
Nel, explicou Tilve, Castelao anotou detalladamente as súas impresións, comentarios e reflexións persoais sobre a arte e os artistas que viu nos museos europeos, nas numerosas exposicións que visitou e nas actividades culturais de todo tipo ás que asistiu durante eses nove meses; tamén as súas vivencias e as súas cavilacións éticas, relixiosas e políticas.
Na mostra exhíbense máis de 250 pezas entre as que, ademais do orixinal do diario e as reproducións ampliadas dos máis de un cento de debuxos, fotografías, tarxetas postais, recortes e impresos diversos que o artista intercalou no texto.
Hai tamén documentos relacionados coa tramitación administrativa da pensión, correspondencia persoal neses meses, numerosos libros e catálogos que adquiriu nas diferentes cidades que visitou e unha selección de fotografías de algunhas obras de diversos autores que aparecen amplamente comentadas no diario.
Igualmente móstranse diversos debuxos, apuntamentos e estudos orixinais realizados por Castelao durante este período, algúns deles inéditos, e outras obras moi significativas da súa produción posterior conservadas no Museo de Pontevedra e coleccións particulares.
Todo este material, destacou a comisaria, revela o grande impacto desta transcendental viaxe que permitiu ao artista analizar de forma directa tanto a tradición artística como as vangardas europeas contemporáneas e que propiciaría cambios significativos na súa evolución artística e literaria, na conformación da estética nacionalista e na súa consolidación como guía e inspirador de iniciativas esenciais para o avance da arte e a cultura galegas.
O Sexto Edificio do Museo xa é o Edificio Castelao
Desde este xoves o anteriormente coñecido como Sexto Edificio do Museo xa ten, oficialmente, unha nova denominación. A entidade corrixe o que os seus responsables consideraban unha "inxustiza histórica". Castelao dá nome xa á súa sede central
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
'O neno das piñas', obra de Castelao seleccionada para ser imaxe das postais do Museo
Por Anxo Lourido |
-
Aprazado por covid o concerto do dúo Loura no Edificio Castelao
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Un obradoiro reinterpretará de maneira tipográfica o 'Diario de 1921' de Castelao
Por Redacción |
-
Visitas guiadas pola exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’, a partir do 8 de xaneiro
Por Redacción |
-
O Álbum Nós, de Castelao: da familia Domínguez Lino ao Museo de Pontevedra, por 650.000 euros
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Presentan unha edición especial do Álbum Nós de Castelao con motivo do aniversario da súa compra polo Museo
Por Redacción |
-
O xoves inauguran o rótulo co nome do edificio do Museo e a mostra 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921'
Por Redacción |