Culturgal abre as súas portas como "punto de confluencia" dunha cultura galega en pleno "rexurdir"
Pontevedra volve ser un lugar de referencia para o sector cultural galego. Faino cunha nova edición de Culturgal que, baixo o lema "A cultura que toca", converterase durante o próximos tres días nun "punto de reencontro" dos creadores co seu público.
Máis dun centenar de empresas culturais e unha "intensa" programación de actividades para todos os públicos, segundo o presidente de Culturgal, Víctor López, mostrarán "todo o que une ao sector a pesar da diversidade que temos dentro de nós".
Aínda que a feira abrirá mañá sábado ao público, en horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas, Culturgal adiantou a este venres a súa inauguración, aínda coas diferentes casetas en plena tarefa de montaxe no espazo habilitado no Recinto Feiral.
O seu presidente celebrou que a cultura galega demostrara que "é capaz de traspasar barreiras e chegar a un público máis amplo" e, en especial, que o sector quixese participar de novo neste "lugar de confluencia común" para mostrar todo o seu potencial.
Na súa intervención na inauguración de Culturgal, pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou o papel desta feira como o "gran referente" dunha cultura galega que vive, segundo sinalou, un "potente rexurdir".
A este respecto, Silva asegurou que esta puxanza cultural dáse "particularmente" na provincia de Pontevedra, onde hai un "gran talento" en todas as disciplinas e onde a creatividade converteuse "nun sinal de identidade" do que estar "orgullosos e orgullosas".
"Non hai unha sociedade avanzada sen unha cultura potente e forte", engadiu, subliñando que as administracións "temos a obriga de promover, potenciar e investir na cultura".
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, puxo en valor o "exemplo de adaptación" da cultura en Galicia nos últimos dous anos e a súa "capacidade para reinventarse", a pesar de ser un dos sectores "que máis sufriu" a pandemia, época na que "estiveron á altura".
A cultura en xeral e Culturgal en particular, segundo Rodríguez, son elementos "vertebradores para o país", polo que avogou porque os poderes públicos "vaian da man" cun sector que xera 36.200 empregos en Galicia, máis dos que tiñan antes da pandemia.
O "gran valor" da "potente e sólida" cultura galega, segundo o dirixente autonómico, é que "enfoca o que somos e nos identifica como galegos", sendo ademais "integradora" e tendo a capacidade de "espallar a nosa identidade fóra das nosas fronteiras".
O acto de inauguración pechouno o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou que Culturgal poida "recuperar a súa esencia" e permita que as industrias culturais e o público poidan establecer "novos lazos de unión".
Tras destacar a importancia que esta feira ten en Pontevedra, o rexedor confía en que sexa unha "cita ineludible" para o público "que ama a cultura" porque, segundo sinalou, "non hai poder que borre a pegada da cultura sobre as nosas mentes".
A programación completa de Culturgal 2021 pódese consultar nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Eva Alonso, produtora de artes escénicas e audiovisuais, nova directora do Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal bota man do teatro e da literatura para defender o galego ante o adverso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Grandes nomes da literatura galega animan o sábado do Culturgal
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Un pequeno adianto do 2022 cultural centra o arranque da feira Culturgal
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal convida a descubrir todo o talento da cultura galega do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Culturgal 2021 xa ten reservadas todas as súas casetas
Por Redacción |
-
Culturgal desconfínase e recupera a presencialidade "sen perder de vista a dixitalización"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |