Avelaíña Teatro "vence" a SGAE para estrear en galego 'A Liorta' de Prévand este domingo en Mourente
Por Anxo Lourido
A irracionalidade e a intolerancia son dous dos temas sobre os que os grandes filósofos Voltaire e Rousseau escribiron ensaios ao longo das súas vidas. É posible que, hoxe en día, tamén se expuxesen cuestións sobre o fondo da situación á que tivo que enfrontarse a compañía Avelaíña Teatro para poder representar unha versión da obra 'A disputa (Voltaire/Rousseau)', orixinal do autor francés Jean-François Prévand.
Este grupo pontevedrés solicitou á SGAE autorización para traducir o texto orixinal a lingua galega, atopándose a negativa da Sociedad General de Autores por resposta. A razón? que se trataba dun grupo teatral afeccionado ao que non se podía autorizar a representación durante dous anos e tampouco que realizasen unha nova versión do texto. Sorprendidos coa resposta porque o grupo propuxera unha tradución literal do orixinal, os responsables da compañía decidiron emprender un longo procedemento de xestión a través de correos electrónicos. Lograron contactar co autor e tamén coa súa editorial Lasman, en Francia e Bélxica. Ambos non mostraron impedimento algún e autorizaron a súa tradución e posta en escena.
É máis, Jean-François Prévand enviou un escrito no que textualmente lles indicaba: "Estou moi feliz e agradézolles o seu interese en 'Voltaire Rousseau'. Con moito gusto concédolle os dereitos de explotación amateur na súa zona xeográfica e en lingua galega".
Seguindo as súas instrucións, a editorial contactou coa Société des Auteurs et Compositeurs Dramatiques (SACD), entidade que, á súa vez, trasladou esa autorización á SGAE, quen finalmente non tivo máis remedio que xestionar o permiso ao grupo pontevedrés, segundo mostran os seus representantes a través dos diferentes escritos.
O 10 de maio, a compañía afeccionada comezaba os ensaios dous días á semana, cos integrantes viaxando á Coruña para traballar co director Antonio Simón. Só tomaron o mes de agosto de descanso e este domingo, 28 de novembro, ás 20.00 horas, Avelaíña Teatro estreará, despois de superar os atrancos, esta montaxe no escenario da SCD Mourente.
Xulio Leal interpretará a Voltaire e o papel de Rousseau correrá a cargo de Miguel Anxo Martín. Os protagonistas tratarán sobre as táboas temas como a igualdade e a desigualdade, o capitalismo, a educación, a economía, a relixión e a ciencia. Un aristócrata que cre na cultura, oposto á irracionalidade, contestará os impulsos dun mozo axitador revolucionario nesta obra que, por fin, poderá verse en lingua galega e da que o seu autor xa pediu á compañía que "non esqueza enviarme fotos e artigos de prensa" da representación desta versión de 'A Liorta'.
Relacionadas:
-
'A Liorta', teatro para conmemorar os 40 anos da Aula Castelao de Filosofía
Por Redacción |
-
'A Liorta', unha obra para lembrar a necesidade dos debates filosóficos na actualidade
Por Anxo Lourido |
-
Comezan as actuacións do Circuíto Galego de Teatro Amador na Cultural de Mourente
Por Redacción |
-
Xulio Leal, de Avelaíña Teatro, mellor interpretación masculina no III Certame de Teatro de Lourenzá
Por Redacción |