O trío pontevedrés Peña gaña o Premio Narf

Por Redacción
O Concurso musical Fran Pérez "Narf", que organiza a Deputación da Coruña, xa conta cunha banda gañadora. Trátase do trío pontevedrés Peña que se impoñía a outras catro agrupacións na final que se celebraba este domingo no Teatro Colón da Coruña nun evento presentado pola xornalista Neves Rodríguez..
Peña ofreceu unha actuación con composicións nas que presentan a súa combinación de melodías pop e de pezas tradicionais. O xurado escolleu os seus temas pola súa valentía formal e a súa sinxeleza convertendo a esta formación en gañadora fronte ás bandas Tandub, Elba, Secho e Sleepy Spice.
A agrupación pontevedresa, formada por Toño Magariños, Rubén Abad e Elena Vázquez, publicou recentemente o seu primeiro traballo discográfico de longa duración, que leva por título 'Carreiro'. Trátase do seu segundo disco, despois do EP 'Fórmula', un traballo autoeditado que publicaron en 2020. Os seus temas céntranse en harmonías elaboradas con xogos de sons vocais.
Os premios en metálico deste certame alcanzan os 3.000 euros para a formación gañadora. Con esta proposta quérese difundir e promocionar a artistas musicais galegos. O xurado estaba formado polo deputado Xurxo Couto, a cantora Uxía e os xornalistas María Yáñez, Teresa Cuiñas e Carlos Crespo, ademais do crítico Pepe Cunha.