Estudantes pontevedreses toman conciencia sobre feminismo e o Camiño de Santiago con #2Pilgrims
Por Mónica Patxot & Redacción
Arredor de 270 alumnas e alumnos dos institutos Sánchez Cantón, A Xunqueira I, Luis Seoane e Frei Martín Sarmiento de Pontevedra acudiron este xoves ao o pase da obra de teatro #2Pilgrims, de Redrum Teatro no Teatro Principal.
A representación teatral forma parte da programación de actividades do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e contou coa presenza da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco.
A obra, con Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, tivo un rotundo éxito entre o alumnado, o que motivou que, despois do coloquio posterior ao pase da obra, os dous protagonistas pechasen a función asinando autógrafos.
Redrum Teatro puxo en marcha esta obra despois do éxito acadado con 'Invisibles', obra baseada no libro de Montse Fajardo do mesmo título. 'Invisibles' está pensada para público adulto e #2Pilgrims é unha proposta similar enfocada ao público adolescente co fin de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de xénero.
Neste novo espectáculo de Redrum Teatro viaxan a través da autoficción polo Camiño de Santiago tocando temas como o feminismo, as novas masculinidades ou a importancia actual das redes sociais.