Todo preparado para que mil persoas logren que non pare a música no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O interior do Recinto Feiral converterase durante esta fin de semana nunha gran sala de concertos co programa 'Que non pare a música!', un ciclo que este xoves presentaba Jacobo Sutil, director do Agadic; e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces no escenario que xa se atopa instalado neste espazo pertencente ao Pazo da Cultura.
As actuacións comezarán este venres 12, a partir das 21.00 horas, cos concertos de Sondarúa, Dakidarría e de Boyanka Kostova. As entradas pódense adquirir a un prezo de 12 euros.
O sábado 13, as luces do escenario acenderanse a partir das 21.00 horas para acoller ao músico de Barcelona Carlos Sadness e á banda indie-pop pontevedresa La Casa de los ingleses, con entradas á venda por 18 euros.
Por último, o domingo celebraranse dúas sesións. Na matinal, a partir das 11.30 horas, a artista pontevedresa Cora Velasco e o grupo local Furious Monkey House ofrecerán os seus últimos traballos. A entrada ten un prezo de 5 euros. Durante a tarde, a partir das 18.30 horas, chegará a actuación de Baiuca con entradas a 10 euros.
Os menores de 13 anos poderán entrar de maneira gratuíta sempre que accedan acompañados. Segundo explicaban desde a organización, a capacidade de público limítase a mil persoas, que asistirán aos concertos de pé e coa posibilidade de bailar. Tamén se establece unha zona de food truck con servizo de comida e bebida, que se poderá consumir no interior do recinto.
As entradas para os recitais xa se atopan á venda a través de Ataquilla. As persoas que queiran asistir a todos os concertos poden adquirir un bono por 25 euros.
Jacobo Sutil explicaba que son "aforos máis relaxados nunha situación aínda complicada" debido á pandemia e sinalou que este evento se inclúe nos actos promovidos polo Xacobeo 21-22 coa intención de estender os actos a diferentes lugares de Galicia. Ademais considera que se trata dun proxecto na vangarda, con valores no ámbito musical, con fomento da igualdade e a sustentabilidade. O representante de Agadic destacou tamén as tres actuacións pontevedresas dentro do cartel.
Pola súa banda, Carmen Fouces mostrou a súa alegría por arrincar con estas actividades que supoñen a posta en marcha dunha "nova era" no ámbito cultural para o Recinto Feiral e para o Pazo da Cultura. Sobre a presenza de músicos pontevedreses nesta cita sinalou que o impulso á cultura que se realiza desde hai anos na cidade "fai agromar estes artistas".
Relacionadas:
-
Baiuca, Cora Velasco e Furious Monkey House pechan con ritmo o festival Que non pare a música!
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
La Casa de los Ingleses e Carlos Sadness deixan paso á última xornada do ciclo Que non pare a música!
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Que non pare a música!, novo ciclo de concertos en Pontevedra con Carlos Sadness, Dakidarría ou Baiuca
Por Alejandro Espiño |