José Luís Sucasas: O futuro xornalístico está na internet
Por Anxo Lourido
Coa ironía sempre presente, o economista e enxeñeiro de Lalín José Luís Sucasas presentaba Pena Furada, a súa última novela, na Librería Paz. Unha obra que centra o seu argumento nun terremoto que se desenvolve nunha aldea do Deza en Lalín no ano 1824. A principal consecuencia do movemento sísmico é que a aldea , situada nun penedo, cambie de situación e os veciños perden a súa orientación porque o norte xa non está onde sempre.
Afirma o escritor e tamén concelleiro do BNG en Lalín que a historia non garda ningunha simboloxía metafórica malia o momento que a sociedade está a pasar.
O autor de Soñaron buratos na terra afirma que el escribe as súas obras sen intencións previas, redacta dunha maneira anárquica. E confesa que lle gustaría parecerse ao escritor limiá Antón Riveiro Coello, quen emprega unha fórmula moi metódica de traballo a través dun esquema onde dende un principio xa sabe o futuro dos seus personaxes.
José Luís Sucasas colaborou como columnista con dous xornais xa desaparecidos: Xornal de Galicia e o dixital Vieiros. Considera que, malia o mal momento que está vivindo a prensa, o futuro atópase claramente en Internet. Entende que o cambio de formato de papel ao dixital "colleunos a todos co pe cambiado pero estamos nun momento de transición, vivimos nun proceso de adaptación".
O escritor asegura que el aínda é lector de periódico de papel pero "supoño que as seguintes xeracións non o van ser" e explica que "eu non teño intención de ler nun libro electrónico porque me gusta o tacto, o cheiro... pero as xeracións máis novas xa non teñen esa necesidade, xa están afeitos a darlle ao dedo e mover as páxinas nunha pantalla". E por iso, afirma, "agardo que PontevedraViva.com teña moita sorte e éxito nesta nova andaina".