A biblioteca municipal de Poio gaña o Premio María Moliner
Por Redacción
Por segunda vez nos últimos anos, a biblioteca municipal de Poio vén de acadar un importante recoñecemento a nivel nacional, ao recibir o Premio María Moliner.
Trátase dun galardón que impulsa o Ministerio de Cultura e Deporte, a través dun convenio asinado coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a través do cal se recoñece o labor das bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes que apostan polo desenvolvemento de iniciativas e actividades en favor do fomento da lectura.
Deste xeito, o Concello recibirá algo máis de 2.000 euros como premio, que serán investidos na adquisición de libros e publicacións periódicas en calquera tipo de soporte.
A biblioteca poiense é unha das 370 de toda España que recibiu este recoñecemento, un feito que salienta a concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, que lembra que "cada ano son centos os concellos de toda España que presentan as súas propostas para optar ao María Moliner".
"Para nós supón un gran orgullo que as iniciativas que se impulsan desde este departamento sexan recoñecidas, tanto polo esforzo das súas responsables como pola gran resposta que adoitan a ter entre xente de todas as idades e, especialmente, entre as crianzas e a mocidade", engadiu.
Deste xeito, Rodríguez Alonso non dubidou en felicitar á responsable das dependencias situadas en Campelo, Macarena Ferreiro, e á axudante de biblioteca Laura Pérez polo traballo realizado.
A edil do goberno local fai fincapé no feito de que só 11 bibliotecas de toda Galicia obtiveron este premio na edición deste ano, seis das cales corresponden á provincia de Pontevedra (Poio, Ponteareas, O Grove, Campo Lameiro, Pazos de Borbén e Soutomaior).
"Cónstanos que foron moitas máis as que presentaron propostas, polo que estamos moi satisfeitas co éxito acadado", incidiu Rodríguez.
O Ministerio de Cultura e Deporte premiou á biblioteca municipal de Poio pola súa campaña Festa das Letras, que incluía diferentes actividades, entre as que destacou o ‘Pasaporte Compostela’.
Á hora de outorgar os premios, o ministerio ten en conta cuestións como o fomento da lectura, o uso das novas tecnoloxías e outros factores.
"Para nós resulta especialmente satisfactorio recibir este premio na edición na que se conmemoran os 40 anos do pasamento de María Moliner, que foi unha bibliotecaria e filóloga moi recoñecida a todos os niveis, polo labor que realizou no fomento da lectura", conclúe Raquel Rodríguez, que tamén lembra que Poio xa obtivera este premio no ano 2014.
Relacionadas:
-
A biblioteca de Campo Lameiro, premiada por segundo ano consecutivo no concurso de animación á lectura 'María Moliner'
Por Redacción |
-
A Biblioteca de Campelo será remodelada e pide unha subvención para renovar o seu equipamento
Por Oskar Viéitez |
-
A Biblioteca de Campelo modifica o seu horario
Por Redacción |
-
A biblioteca de Campelo incrementou o número de socios e de préstamos durante este ano
Por Redacción |
-
Un veciño de Portosanto fai unha curiosa doazón á Casa Museo de Colón
Por Oskar Viéitez |
-
A Biblioneta de 'Ven a conto!' chega a Poio para fomentar a lectura
Por Redacción |
-
A biblioteca de Poio celebra o Día do Libro arredor do Camiño de Santiago
Por Redacción |