Mes da Ciencia na Biblioteca con obradoiros sobre robótica, astronomía e cine
Por Redacción
A literatura científica será o epicentro de actuación durante este mes de novembro na Biblioteca Pública de Pontevedra, que depende da Xunta de Galicia. Desta forma, están previstas diversas actividades para públicos de distintas idades, que foron presentadas polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo e Valentín García.
A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra contará con talleres infantís sobre robótica creativa, astronomía, científicas galegas e cinema.
O venres 5 ás 18.00 horas, destinado a estudantes de entre 8 e 11 anos desenvolverase o obradoiro de robótica para ofrecer conceptos básicos de programación e electrónica.
O 12 de novembro realizarase unha dobre sesión sobre mulleres científicas galegas para público con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Darase a coñecer a figura da oceanógrafa Ánxeles Alvariño e da enfermeira Isabel Zendal. As sesións serán ás 17.30 e ás 19.00 horas.
O venres 19, ás 16.30 horas, chegará o momento de aprender sobre o universo cunha actividade de astronomía baixo o título 'Simulación de galaxias siderais e eclipses', a cargo de Anias, destinado a menores de entre 8 e 12 anos.
O 26 será Raquel Queizás a encargada de ofrecer o seu taller creativo Precine, para público infantil de entre 6 e 11 anos. Coñecerán os artefactos precursores do cinema e realizarán debuxos animados. O público infantil tamén contará cunha mostra bibliográfica para aproximarse ao mundo científico con O camiño das Estrelas, unha colección de publicacións sobre diferentes aspectos científicos. Tamén o público adulto contará cunha selección de materiais sobre ciencia en galego.
Este mércores 3 de novembro celébrase o Día do Lector e o 12 será a conmemoración do Día das Librerías. No primeiro caso ofrécese unha mostra de volumes para levar en préstamo ata o día 15 con obras recomendadas por persoas usuarias da biblioteca. Na segunda celebración estableceranse publicacións sobre librerías, que estarán dispoñibles desde o 12 de novembro ata o 3 de decembro.
A Biblioteca tamén acollerá un encontro coa autora Antía Yáñez. A cita está prevista para o luns 22, a partir das 19.00 horas, cunha charla sobre a súa obra 'Senlleiras'.