O Cineclub programa seis proxeccións para o mes de novembro
Por Redacción
A última película da realizadora francesa Céline Sciamma, "Petite maman", que se estrea en cinemas o 5 de novembro, é un dos grandes reclamos da programación do Cineclub Pontevedra para o mes de novembro. O calendario inclúe proxeccións de obras dos irmáns Dadenne, Naomi Kawase ou Eliza Hittman. Ademais, a sección dos Lines de Filmoteca, dedicaranse este mes ás realizadoras Celira Rico e Meritxel Colell.
Unha das novidades deste mes derivada da boa evolución da pandemia, pasa por abandonar o hábito de abrir unha hora antes da proxección, para facelo só con media hora de antelación. Ademais recupérase o despacho de billetes na billeteira do Teatro Principal.
Cada martes de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal, proxectarase unha película. E a primeira será "O Neno da Bicicleta", dos irmáns belgas Jean Pierre e Luc Dardenne. Unha obra estreada no 2011, de 87 minutos de duración, e que vira ao redor da figura de Cyril, un neno de 12 anos que quere atopar ao seu pai, quen o deixou temporalmente nun lugar de acollida. A cinta levou o gran premio do xurado, ex- aequo, do festival de Cannes do 2011.
O día 9 está prevista a proxección de "Nunca, case nunca, ás veces, sempre", da estadounidense Eliza Hittman. Unha película de 101 minutos cuxa trama se centra en Autumm, unha adolescente introvertida que traballa como caixeira nun supermercado rural de Pennsylvania. Vese obrigada a soportar un embarazo accidental, que a leva a desprazarse a Nova York co obxectivo de dar cunha clínica na que abortar. A cinta levou o Gran Premio do Xurado no festival de beril do 2020 e o Oso de Prata, así como o premio especial do xurado, no Festival de Sundance do 2020.
O día 16 será a quenda de "Petite Maman", da francesa Céline Sciama. Cunha duración de 72 minutos, trata sobre a perda da súa avoa sufrinda por Nelly, unha nena de 8 anos. Mentres axuda a baleirar a casa, explora con intriga o bosque no xogaba a súa nai de pequena. Alí coñece a outra nena da súa idade coa que forxa unha profunda amizade. Na Berlinale do 2021, a obra levou o premio do Público, igual que no festival Donostia Zinemaldia e no Chicago International Film Festival estivo nomeada ao Gold Hugo.
A programación concluirá o día 30 coa exhibición da obra da xaponesa Naomi Kawase, "Unha pastelería en Tokio". De 113 minutos de duración, baséase na figura de Sentaro, que dirixe unha humilde pastelería na capital nipoa na que serve dorayakis. Cando unha anciá ofrécese a axudarlle na cociña, Sentaro accede a contragusto, pero deseguido descobre que as súas mans son capaces de facer maxia.
Doutra banda, no programa dos luns está incluída a proxección de "Viaxe ao cuarto dunha nai", de Celia Rico, o día 8 de novembro. Mentres que o día 22 exhibirase "Co vento", de Meritxell Colell.