'Memorias e ritmos do rural galego' no Café Moderno de Pontevedra
Por Redacción
Afundación presentou esta mércores no Café Moderno de Pontevedra un novo proxecto expositivo co que se pretende reflexionar sobre as formas de vida vinculadas ao rural galego, a súa iconografía e a súa presenza na cultura contemporánea.
Aser Álvarez está detrás como director de 'A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego', un traballo que xunta fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música para tentar conformar a identidade galega.
A exposición conta con fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego desde 1930 ata finais do século XX, como son a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lucense Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, achegando cada un deles achega unha perspectiva diferente sobre a mesma realidade.
A mostra presenta tamén versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, coa idea de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea.
Por último a banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, apóiase no son dos carros, o ouvear dos lobos, o xiro das rodas de muíño ou o afiar das guadañas para trasladar ao espectador á Galicia máis rural.
Todo se completa con actividades en liña e convidados como o director de cinema Oliver Laxe, que está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea lucense onde filmou O que arde, ou a ilustradora e muralista Xoana Almar.
'A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego' permanecerá aberta ata o 15 de xaneiro no Café Moderno Afundación Pontevedra de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e sábados de 12.00 a 14.00 horas.