Javier Penido, novo director da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis
Por Redacción
Despois de case dous anos de parón, a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis retomaba o sábado a actividade cun concerto no colexio San Fermín no que se presentaba o novo director Javier Penido.
Natural de Bandeira, no municipio de Silleda, Penido é graduado en clarinete e dirección de orquestra polo Conservatorio Superior da Coruña. Foi seleccionado despois dunha convocatoria pública e un proceso selectivo. Do seu primeiro concerto destaca que se trata dun grupo de músicos cohesionado que permitirá medrar integrando a novas promesas. En canto a repertorio, o director aposta por unha combinación de obras clásicas con outras actuais.
A Banda Municipal creouse fai máis de quince anos inicialmente como Escola Municipal de Música de Caldas a través da Asociación Cultural Mariñoleira, que está presidida por Adriana Rodríguez Souto, concertino e integrante dunha Banda de 35 músicos, formada por mozos cunha media de idade de 21 anos.
As próximas citas musicais da Banda chegarán con motivo da celebración de Santa Cecilia e do Nadal, ademais está previsto que participen en certames, campamentos musicais e outros eventos musicais que se celebran en Caldas, segundo indica Adriana Rodríguez
Juan Manuel Rey, alcalde da vila, asistiu a este concerto con outros membros da corporación municipal e garantiu o apoio do Concello á agrupación para emprender novos retos.