'Claves líricas', unha montaxe de Teo Cardalda sobre a figura de Valle-Inclán chegará a Vilanova de Arousa
Por Redacción
O músico vigués Teo Cardalda, que foi integrante de Golpes Bajos e de Cómplices, é o creador do espectáculo titulado 'Claves Líricas' co que quere fomentar a figura de Valle-Inclán. É un proxecto promovido pola Xunta de Galicia e que se inclúe na programación do Xacobeo 21-22.
Esta montaxe só se poderaá ver en Gondomar, Culleredo, Santiago de Compostela e Vilanova de Arousa, municipio onde naceu o dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán en 1866. Esta vila acollerá a obra o sábado 30 de outubro no Auditorio Municipal.
A entrada será gratuíta e para asistir é necesario solicitar información no propio auditorio vilanovés.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o autor Teo Cardalda, presentaban a iniciativa na Cidade da Cultura, onde se representará o 31 de outubro, previa retirada de invitación a través de Ataquilla. Explicaron que se trata dun espectáculo que combina teatro e música ofrecendo un universo creativo sobre as bases do autor do esperpento, engadindo dimensión sonora á obra poética e lembrando poemas de Valle-Inclán.
Teo Cardalda traballou durante unha década na documentación para esta montaxe, que se recolle no disco-libro 'Claves Líricas'.
María Monsonís, compañeira do músico olívico en Cómplices, realizou unha selección de poemas que son coreografiados e musicalizados nesta obra que percorre estilos como o rock, o rap, a ópera pop ou o tecno punk.