678 espectadores poderán ver 'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro, no Auditorio de Vilagarcía
Por Redacción
Ibuprofeno Teatro trasladará ao público ao ano 2173 a través de dous científicos e tamén apicultores que realizan experimentos nun planeta destruído. O seu obxectivo é crear unha abella para partir do último tarro de mel que se salvou na terra.
Con esta proposta inicial, a compañía teatral ofrece un espectáculo biodegradable e ecosostible coas interpretacións de Marián Bañobre e de Avelino González, baixo a dirección de Santiago Cortegoso, autor do texto.
Trátase dunha montaxe reflexiva que analiza o sistema consumista promovido polo capitalismo e efectos como a obsolescencia programada, un concepto aplicable a produtos e a persoas na sociedade actual, segundo recollen os integrantes de Ibuprofeno Teatro na obra 'O mel non caduca'.
Para esta función aplicarase a nova normativa sanitaria que permite unha capacidade do 90% do espazo do recinto. Desta forma, poderán acceder 678 espectadores ás 754 butacas do Auditorio de Vilagarcía para ver esta función programada para o sábado 6 de novembro ás 20.00 horas.
As entradas atópanse xa á venda a través de www.ataquilla.com e no teléfono 902.504.500. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, aos que hai que sumar os custos de xestión. Maiores de 65 anos, titulares do carné Xove e persoas desempregadas contarán con entradas a un prezo de 3 euros.