Massimo Spadano e Iván Martín abren a tempada da Sociedade Filarmónica de Pontevedra
Por Redacción
Este mércores día 20, ás 20:30 horas, no Pazo da Cultura, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra abre a súa tempada 2021-2022, e farao cun concerto do dúo formado polo violinista Massimo Spadano e o pianista Iván Martín.
Massimo Sapadano, nacido na localidade italiana de Lanciano, estudou no seu país e en Holanda. Como concertino e solista actuou con varias formacións nas máis importantes salas de Europa, Estados Unidos, Sudamérica, Asia, África e Oriente Medio, e nos festivais e tempadas de Berlín, Salzburgo, Milán, París, Madrid, Roma, Montpellier, Wiesbaden, Ámsterdam, Florencia, Barcelona e Munich, entre outros.
Dedica gran parte da súa actividade á investigación da música antiga, así como á súa interpretación con instrumentos orixinais, participando na edición de numerosos volumes de música barroca coa Camerata Anxanum, orquestra da que é membro fundador. Desde 1994 é concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Iván Martín naceu en Las Palmas de Gran Canaria e, neste momento, é recoñecido pola crítica como un dos músicos máis brillantes da súa xeración, dentro e fóra das nosas fronteiras. Colabora con practicamente a totalidade das orquestras españolas, así como coa Orquestra Sinfónica de Londres, Berliner Konzerthausorchester, Wiener Kammerorchester, Orquestra de París, Filarmónica de Estrasburgo, Sinfónica “ Giuseppe Verdi” de Milán, Virtuosos de Praga, Filarmónica de Helsinqui, Filarmónica de Zagreb, Polish Chamber Orchestra e Sinfónica de Varsovia, entre outras.
Ademais de dirixir ás orquestras españolas máis importantes é, desde a tempada 2019-2020, director titular da Orquestra Sinfónica de Burgos.
Massimo Spadano e Iván Martín ofrecerán no concerto para a Sociedade Filarmónica de Pontevedra catro sonatas para violín e piano, dous de Beethoven e outras dúas de Eberl.