"A lúa vai encuberta" de Manuel María abre o ciclo Ponteatro
Por Redacción & Mónica Patxot
Corenta e catro anos despois de que Manuel María a escribise, a obra A lúa vai encuberta estreouse sobre as táboas. Un mes despois do seu debut en Ourense, as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante trouxeron o seu espectáculo a Pontevedra.
Foi a obra elixida para inaugurar unha nova edición do ciclo Ponteatro, que comezou este xoves no Teatro Principal con gran éxito de público.
Mesturando teatro popular como a farsa e o musical con formas contemporáneas como o audiovisual e o teatro documento, Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo dialogaron desde a actualidade máis recente coa historia contemporánea de Galicia.
A lúa vai encuberta é unha peza ao redor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia.
Todo parte de 1977, cando se celebraron as primeiras eleccións xerais despois da ditadura franquista. Ese mesmo ano, o grupo teatral da Asociación Cultural Auriense tratou de ensaiar esta obra pero, no medio do proceso, o colectivo desfaise definitivamente.
Corenta e catro anos despois, dúas compañías únense para retomar o traballo no punto no que o deixaron para levar a escena a obra e descubrir as razóns da disolución.
Tras esta función, Ponteatro continuará o vindeiro xoves 28 de outubro coa obra A estrela do día de Producións Teatrais Excéntricas, unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor con Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez.