Un 'road-trip' entre Madrid e O Grove, inspiración para "Afuera en la ciudad", a nova canción de Leiva
Por Alejandro Espiño
Nunca unha viaxe en coche desde Madrid ata San Vicente do Mar (O Grove) foi tan creativo como a que protagonizou Leiva. Preto de 700 quilómetros de 'road-trip', acompañado do xornalista Lino Portela, que serviron non só para gravar un documental sobre o proceso creativo do músico madrileño, senón tamén para compoñer, baixo a atenta mirada das cámaras, unha das cancións do seu novo disco.
Será, sen dúbida, o 'toque pontevedrés' de Pólvora, o segundo traballo en solitario de Leiva, que se editará a principios de 2014. O Náutico de San Vicente do Mar foi elixido polo propio artista como destino desta aventura e alí púidose escoitar por vez primeira, en formato acústico, o resultado deste proxecto. Trátase da canción Afuera en la ciudad, estreada por fin este domingo.
"Es una preciosidad, es espectacular", afirmaba Leiva nada máis entrar nas Rías Baixas. "Nos vamos de vacaciones por el mundo y en España tenemos los sitios más bonitos del mundo y no los conocemos". Era un preludio do que estaba por vir. Coa súa chegada a O Grove e o reencontro con vellos amigos, Leiva daba os seus últimos pasos na composición desta nova canción que quixo tocar en directo no Náutico, un lugar que lle trae gratos recordos.
Cando chegou a O Grove por primeira vez, Leiva tiña 19 anos e aínda formaba parte do grupo Pereza. "Nos trajo Quin Martínez (Esmerarte), el manager de Vetusta Morla", recorda o artista no documental. "Llegamos en agosto a las cinco de la tarde, reventados después de cuatro conciertos y esto estaba con sol. Era maravilloso, llegamos y dijimos guau". Foi un flechazo mutuo entre o músico e o local.
A partir de aí, Leiva adoita volver cando a súa axenda llo permite. Aínda recorda, divertido, unha das anécdotas que protagonizou nunha das súas visitas. Xusto ao terminar un concerto en Ribeira, subíronse a unha lancha que os trouxo a San Vicente do Mar. Pero a viaxe non foi como o planearan. Cóntao, entre risas, no sétimo capítulo do documental.
Pero esta aventura é moito máis. ÿ a historia de dous amigos que comparten risas, momentos e sobre todo moita música. O documental, grazas ao cal fomos descubrindo con detalle como foi o nacemento desta canción, está dividido en oito capítulos de entre cinco e nove minutos cada un, que narran momentos desta viaxe e puidéronse ver durante todo o mes de outubro en www.roadsongds3.com.