A literatura infantil e xuvenil galega, vasca e catalá, a debate na Casa das Campás
Por Redacción
A Casa das Campás acollerá os días 26 e 27 de outubro unha nova edición do encontro da Federación Galeusca, un colectivo de escritores en linguas catalá, euskera e galega. O obxectivo deste congreso é que estas tres literaturas "se comuniquen sen intermediarios" e se analice de forma conxunta a "similar problemática" que afecta a cada unha delas, segundo destacou Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
A elección de Pontevedra é debido a que este ano este congreso xirará en torno á literatura infantil e xuvenil. Nel participarán como ponentes tres escritores galegos (María Reimóndez, Carlos Negro e Ánxeles Cuña), tres escritores vascos (Fernando Morillo, Nicolás Zimarro e Alaitz Olaizola) e outros tres autores en lingua catalá (Pere Morey, Josep Francesc Delgado e Pau Marqués).
Cesáreo Sánchez sinalou que "intentamos ensinar o mellor que temos no noso país e por iso é polo que tomamos a decisión de vir a Pontevedra", cidade da que valorou positivamente a súa política cultural "da que estamos especialmente orgullosos" e o seu actual modelo urbano. "ÿ unha cidade pensada para os nenos e non só en sentido urbanístico", destacou. Nela están ademais, dixo, algunhas das editoriais infantís máis importantes de Galicia.
Ademais das tres mesas redondas coas que contará esta xornada, unha de narrativa, outra de poesía e unha terceira de teatro, realizarase unha visita para que os autores foráneos coñezan a cidade. Trátase un paseo literario, conducido por Fina Casalderrey e Vázquez Pintos, "que nos farán ver o patrimonio e a alma que ten a cidade". Todas as actividades serán abertas a toda a cidadanía, especialmente á comunidade cultural e educativa de Pontevedra.