O Arquivo Provincial incorpora preto de 300 documentos do fondo familiar da familia Gándara, de Portas
Por Redacción
O Arquivo da Deputación de Pontevedra vén de incorporar recentemente un novo fondo de carácter privado: a colección de preto de 300 documentos reunida e depositada con carácter permanente e de forma gratuíta pola familia Gándara, orixinaria do concello de Portas.
Os documentos permiten mergullarse e coñecer a historia social e económica dunha parte da provincia entre os anos 1784 e 2003.
Os Gándara foron herdeiros, entre outros bens doados ao Concello de Portas no ano 1995, do Cruceiro do Culebrón e da Capela barroca de San Pedro Mártir -no lugar de Cachal na parroquia de San Pedro de Lantaño-, fundada por Don Pedro da Riva e a súa muller Alberta Alonso no último terzo do século XVIII.
Estes erixiron a capelanía Mercedaria a título de Padroado Real de Legos e dotárona dos recursos necesarios para o sostemento da mesma, establecendo un vínculo regular sobre outros bens.
Os documentos depositados no Servizo de Patrimonio Documental da Deputación para súa organización, descrición, conservación e disposición para a consulta polas persoas investigadoras, transmiten una rica información sobre a evolución familiar e o seu patrimonio.
Destacan especialmente as certificacións eclesiásticas; partidas de bautismos e defuncións detalladas -que incluso achegan datos relativos aos motivos de falecemento-, inventarios de bens, testamentos -como o de Pedro da Riva e Alberta Alonso de 1797 no que se fai referencia a fundación da capela antes mencionada- ou incluso un convenio de separación matrimonial pouco frecuente para a época.
Cóntase tamén cunha colección de boa calidade de 32 fotografías en branco e negro de temática variada relacionada cos distintas persoas integrantes da familia, imaxes que xunto a outra documentación xa están dixitalizadas e dispoñibles para a súa consulta en liña a través do portal Atopo.