Comeza a programación de outubro do Cineclube con 'Daguerreotypes', de Agnès Varda
Por Redacción
Este martes comeza a programación do mes de outubro que organiza o Cineclube Pontevedra. As películas proxéctanse a partir das 20.30 horas no Teatro Principal e o despacho de billetes permanece aberta todos os días de sesión entre as 19.30 e as 20.30 horas para adquirir as entradas.
A primeira película será 'Daguerréotypes' este martes 5 de outubro. Trátase dunha obra de Agnès Varda na que filma a esquina da rúa Daguerre en París, onde viviu durante gran parte da súa vida. A directora retrata aos pequenos comerciantes do barrio como a panadeira, o carniceiro ou o perruqueiro.
O luns 11 chega a quenda de Hong Sang- soo, director a quen se dedica as sesións dos luns deste mes. 'Hotel by the river' será o primeiro dos filmes. Nel cóntase a vida dun poeta que se hospeda nun hotel próximo a un río onde convoca aos seus dous fillos cos que non mantivo contacto desde hai tempo. Este traballo recibiu premios no Festival de Locarno e no Festival Internacional de Cinema de Xixón.
O martes 12, Agnès Varda mostrará con 'Mur Murs' as pinturas murais das rúas de Los Ángeles e a vitalidade das rúas da cidade californiana. Xa o martes 19, o Cineclube ofrece 'Documenteur', outra película desta directora na que se narra a historia de Emilie, unha muller francesa que acaba de divorciarse e que busca un lugar onde vivir co seu fillo de 8 anos na cidade de Los Ángeles.
O luns 25 regresa Hong Sang-soo con ' The woman who ran', outra premiada película no Berlinale e no Festival de San Sebastián. A historia céntrase na visita de Gamhee a tres amigas de toda a vida mentres o seu marido atópase nunha viaxe de negocios.
Por último, o martes 26 de outubro, ofrécense dous traballos de Agnès Varda: 'Black Panthers' e 'Salut Les Cubains'. Na primeira ofrécese unha visión sobre as manifestacións que se produciron ao redor do xuízo de Huey Newton, líder do Black Panther Party for Self Defence. O segundo traballo é unha homenaxe a Cuba cando a directora foi convidada o Instituto de Cinema Cubano, catro anos máis tarde do triunfo da revolución.
Todas as películas emítense en versión orixinal con subtítulos.