Bárbara Blasco e Santiago Lopo protagonizan o encontro literario 'Afinidades electivas'
Por Redacción
A Libraría Paz de Pontevedra acolleu este sábado un encontro literario ao que asistía a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba coa xornalista valenciana e autora de diferentes contos, Bárbara Blasco, e o escritor, profesor e tradutor galego, Santiago Lopo.
No marco do programa 'Afinidades electivas', que organiza a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, do Ministerio de Cultura e Deporte, este encontro de debate, que celebra a súa segunda edición, "xorde no 2020, nun momento no que a pesar de que a lectura foi refuxio e salvación para moitos, as librarías e autores vivían unha das súas maiores crises e continúa este ano como parte da aposta do Goberno polo fomento da lectura e o apoio ao mundo do libro", explicou a subdelegada.
Ademais subliñou a importancia deste programa, que persigue apoiar a actividade das librarías independentes, así como fomentar a creación literaria en todas as linguas do Estado, e visibilizar a obra e figura de diferentes autores e autoras. "Ler é hoxe máis importante que nunca. Nun contexto de ruído e crise como o que vivimos a lectura contribúe á formación dunha sociedade máis crítica e empática", destacou Larriba.
Este debate foi o primeiro dos tres encontros que se desenvolverán durante o mes de outubro en liberías da provincia. O próximo venres 8 de outubro, Librouro (Vigo) acollerá un diálogo entre o escritor galego de literatura infantil, Antonio García Teijeiro e o poeta andaluz e autor tamén de literatura infantil, David Hernández Sevillano. Por último, a libraría viguesa Libros para soñar organiza o mércores 20 de outubro un encontro entre a escritora, actriz e contacontos galega Paula Carballeira Cabana e o contacontos camerunés Boniface Ofogo.