Pontevedra alístase á Guerrilla cultural para remover conciencias
Por Redacción
Guerrilla é un programa cultural que se desenvolverá en Pontevedra os días 7, 8 e 9 de outubro e que traerá á cidade do Lérez os mellores espectáculos musicais e teatrais de tipo reivindicativo. "Vainos remexer por dentro, ninguén vai quedar indiferente", declarou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, este martes na presentación dun evento que contará tamén con faladoiros sobre a resistencia galega na Segunda Guerra Mundial, a memoria histórica, o franquismo, o fascismo ou o conflito entre Palestina e Israel.
A primeira xornada do festival contará coa actuación de Vero Rilo, que presentará no Teatro Principal un espectáculo de narración sobre "Historias de amor, vida, guerra e case morte". Ese mesmo día, ás 21 horas, está prevista a actuación do cómico italiano Leo Bassi, que presentará o seu espectáculo "Yo, Mussolini".
No escenario do Principal actuará tamén a banda neoiorquina The Last International, o día 8; e o cantautor Marwán, o día 9. As entradas para estes espectáculos están xa á venda en Ataquilla.
“Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo", afirma Nacho Fungueiriño, coordinador desta iniciativa que impulsa Culturactiva en colaboración co Concello de Pontevedra.
Doutra banda, os coloquios contarán coa participación de Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro. Para asistir como público é preciso inscribirse de forma previa a través do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Marwán pon a 'guinda' á revolución cultural do ciclo Guerrilla
Por Redacción |
-
The Last Internationale pon a banda sonora ao ciclo Guerrilla en Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A Guerrilla cultural de Pontevedra arranca cun provocador espectáculo de Leo Bassi
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Ponteatro programa seis obras no Principal e no Pazo da Cultura
Por Oskar Viéitez |
-
O Festival das Núbebes abre a venda de entradas para os espectáculos desta fin de semana
Por Redacción |
-
Tres ficcións e dous documentais para "reflexionar" sobre a realidade árabe
Por Alejandro Espiño |