Macroverbena no Recinto Feiral para festexar o Xacobeo
Por Redacción
Pontevedra é unha das sete localidades de Galicia que acollerá a próxima fin de semana un festival con varias orquestras dentro da programación do Xacobeo 21-22, xunto a Narón, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo.
No caso da Boa Vila, a macroverbena coa que a xunta pretende apoiar ao sector contará coa actuación de sete orquestras: Marbella, La Oca, Triunfo, Televisión, Samba, América SL e Fama.
O festival terá lugar o vindeiro domingo 26 de setembro na zona exterior do Recinto Feiral.
A actividade dará comezo ás 17.00 horas, con entrada gratuíta e un aforo máximo de 1.000 espectadores de pé con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. Será necesario inscribirse previamente na web www.woutick.es, aínda que no caso de non agotarse por esta canle as entradas estarán tamén dispoñibles no acceso ao recinto.
Segundo explicou a Xunta, cada unha das orquestras participantes ofrecerá un concerto duns 45 minutos de duración.
O goberno autonómico dedica a estes festivais unha partida orzamentaria de 700.000 euros.