Vilagarcía estrea tempada teatral con "O Premio", unha comedia en formato reality show
Por Redacción
O auditorio de Vilagarcía acollerá o próximo sábado 25 de setembro, ás oito da tarde, a representación da obra O Premio, o espectáculo coproducido por La Quinta Teatro e o Centro Dramático Galego, co que arrancará a tempada teatral no municipio.
O Premio, dirixida por Marián Bañobre, é unha obra que se estrutura como un reality en directo no que o público vota quen merece levar o premio da súa vida.
Baixo o lema de "Morrer logrando a fama. Todo para un soño", o reality prevé tres posibles finais en función dos desexos do público.
No fondo é unha comedia aceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social é tal, que obriga a xente a caer recorrer ao reality como única fórmula de conseguir a felicidade.
O argumento desta obra parte de que nun futuro non moi afastado, cando o envellecemento da poboación sexa tal que a carga das pensións somerxa ao país na "crise ao cubo", aos dirixentes do Estado ocórreselles unha insólita medida: crear o xogo da túa vida.
Como outros espectáculos de La Quintana Teatro, esta obra parte da investigación a pé de rúa. Nesta obra baseada nun texto de Santiago Cortegoso explórase á muller cosmopolita, á muller tradicional, ao home perdido e o prezo da felicidade con tan só tres actores sobre o escenario: Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada.
Haberá 370 entradas á venda, a través de ataquilla.com. Teñen un prezo de 5 euros para o público en xeral e de 3 euros para maiores, desempregados e titulares do carne xove.