Luís Rei descobre a súa faceta artística coa exposición 'Letra pequena' no Espazo Nemonon
Por Redacción
O Espazo Nemonon ofrece ata o seis de outubro unha exposición na que se pode descubrir a faceta artística de Luís Rei Núñez. O que fose portavoz e concelleiro en Pontevedra por En Marea, presenta 'Letra pequena' onde compendia os traballos plásticos que comezou a realizar cando era neno, continuounos con maior ou menor dedicación durante as súas etapas posteriores e que retomou de forma intensa cando chegou o confinamento motivado pola pandemia da covid-19.
Daquela etapa iniciática, Rei apunta que "os papeis, os lapis e as tintas, en alianza con centos de visitas dominicais ao Museo Provincial, axudáronme a negociar os meus vínculos co mundo". Deses sete anos a mostra recolle unha selección específica.
Posteriormente os debuxos pasan por "estadías curtas", que tamén se exhiben; ata chegar a "a pandemia de 2020 que forzou unha reclusión na que a mellor medicina fronte á soidade volveu ser o encapsulamiento na reprodución do real" e que igualmente teñen o seu espazo na exposición. O autor define 'Letra pequena' como: "un corazón sae ao encontro doutros corazóns con debuxos que son certificados de pertenza a unha nación radicada entre a fortaleza e a fraxilidade. A nación da nosa alma".
O horario de visita é de luns a venres de 12.00 a 14.30 horas, pola tarde de 19.00 a 21.00 e os sábados en horario de 12.00 a 14.00 horas.
Relacionadas:
-
O artista pontevedrés Tebo expón os seus 'Dispositivos' no Espazo Nemonon
Por Redacción |
-
Daniel Casares Quartet ofrece un concerto de jazz no Espazo Nemonon
Por Redacción |
-
O pontevedrés Pablo Diego Dios presenta 'Alén', novela antropolóxica sobre a Galicia esotérica
Por Redacción |
-
Dez candidaturas, encabezadas todas por homes, optarán á Alcaldía de Pontevedra
Por Natalia Puga |