Recala no Café Moderno de Pontevedra a exposición 'Xuventude Crea. Máis dunha década'
Por Redacción
Despois de pasar por Tui, Ribeira, Lalín e Vigo, recalou no Café Moderno de Pontevedra a exposición 'Xuventude Crea. Máis dunha década', que repasa os máis de dez anos de vida deste programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, inaugurou esta mostra itinerante que está conformada por diferentes traballos de mozos galegos nunha iniciativa da Xunta que promove o talento e a creatividade da mocidade galega.
Trátase dunha mostra multidisciplinar de artistas que formaron parte do programa. Nela poderán verse obras de diferentes disciplinas como moda, grafiti, banda deseñada, pintura, escultura, fotografía ou deseño de xoias.
Recolle 29 pezas premiadas neste certame ao longo de 14 anos, desde os seus comezos ata a actualidade. Unha selección que representa a creación contemporánea galega nos diferentes ámbitos artísticos.
Esta exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, na capital pontevedresa permanecerá durante todo setembro e que chegará a Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, estará en Santiago de Compostela todo o mes de decembro.
De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nas súas seguintes paradas: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.